Brote de coronavirus en Larsa? A empresa négao tras a aparición de varios traballadores positivos
Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), grupo de empresas ao que pertence Larsa, negou este martes a existencia dun brote de coronavirus na factoría láctea de Vilagarcía de Arousa, tal e como apuntaban fontes sanitarias.
Fontes do SERGAS citadas pola prensa local falan dun brote con tres positivos na fábrica de Vilagarcía, dúas da mesma familia e din que haberá un cribado a todo o persoal. A compañía puntualiza estes datos e di que non ten noticia de ningún cribado.
Fabrica de Larsa en Vilagarcía nunha imaxe de Google Street View
UN ALTA E UN CASO ANTIGO
Segundo informou Capsa a Europa Press, nas últimas semanas detectáronse dous casos de traballadores da factoría arousá de Larsa que deron positivo en covid-19. "Un deles mesmo xa recibiu a alta médica e está a piques de reincorporarse ao traballo, polo que non se pode falar dun brote", sinalan.Así mesmo, a empresa atribúe o caso dun terceiro contaxio, do que este luns facíase eco o Sergas, "a un traballador que deu positivo hai varias semanas e que xa está totalmente recuperado".
Hai que lembrar que o SERGAS declara un brote cando hai relación entre tres ou máis casos. A clave está, por tanto, en saber se eses tres positivos teñen vínculo e se o contaxio puido ser na contorna laboral.
SÓ DEZ PCR, SEGUNDO A EMPRESA
Ademais, Capsa asegura non ter constancia de que estea previsto facer test PCR a todos os traballadores do persoal de Larsa en Vilagarcía. Segundo informa a empresa, realizáronse dez test aos contactos directos dos dous traballadores afectados e todos eles deron resultados negativo.Desde a firma láctea afirman que a fábrica de Larsa de Vilagarcía opera con total normalidade, extremando os protocolos de seguridade, desinfección e hixiene para evitar calquera posibilidade contaxio, tanto interno como chegado desde o exterior.
Escribe o teu comentario