A maioría dos técnicos que fan as PCR do coronavirus son precarios, alerta a CIG e desmente a Xunta
Un dos portavoces de CIG Saúde en Vigo asegura que entre o persoal do SERGAS que procesa as probas "non hai contratos de longa duración, son contratos por acúmulos, que se van renovando cada 15 días". En declaracións a RNE, Tizón explica ademais que outra parte do persoal que procesa as probas traballa para fundacións nas que non hai nin convenio colectivo.
A maior parte dos especialistas que fan o 'pooling' das probas PCR en Vigo sofren eventualidade. Esta é a denuncia lanzada desde CIG Saúde. O sindicato nacionalista reclama á Xunta a negociación dun convenio colectivo para a parte dese persoal que pertence a fundacións sanitarias.
Consultada por Galiciapress, a Consellería de Sanidade rexeita de pleno estas acusacións. O seu argumento é que eses traballadores son asalariados do SERGAS, non das fundacións, polo que teñen as mesmas condicións laborais que calquera outro empregado público.
Feijóo visitando o novo laboratorio de pooling para probas do coronavirus en Vigo nunha imaxe distribuída pola Xunta en setembro
Non é o que describe Miguel Tizón Méndez. Un dos portavoces de CIG Saúde en Vigo asegura que entre o persoal do SERGAS que procesa as probas "non hai contratos de longa duración, son contratos por acúmulos, que se van renovando cada 15 días".
En declaracións a RNE, Tizón explica ademais que outra parte do persoal que procesa as probas traballa para fundacións nas que non hai nin convenio colectivo. "Doutra banda están os traballadores da Fundación, que agora mesmo non ten convenio laboral, réxense por Estatuto de Traballadores e polas condicións que cada fundación lles vaia determinando, case de maneira individual", declarou este luns.
UN INSTITUTO QUE DEPENDE DUNHA FUNDACIÓN
Hai que lembrar que Área Sanitaria de Vigo acaba de poñer en funcionamento o novo laboratorio de Microbiología para o sistema do procesamento agrupado de mostras-Pooling no cribado da covid-19. Segundo indica a propia Xunta, este laboratorio funciona a través do "Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur".
Ese Instituto está xestionado pola Fundación Biomédica Galicia Sur . A súa dirección lévaa un padroado no que participa a Xunta, pero tamén a Universidade de Vigo e a familia Cabaleiro Goas. Os seus traballadores, por tanto, non son operarios do SERGAS, senón da Fundación, que en todo caso si forma parte do sector público autonómico, de acordo aos seus estatutos.
Escribe o teu comentario