Máis brotes en residencias: 23 contagios nun centro de Oleiros e 47 noutro de Ourense
Levamos máis dun mes da segunda onda e o coronavirus segue entrando en máis e máis asilos. Van xa 317 residentes mortos desde o inicio da pandemia, máis do 43% do total de decesos.
As autoridades sanitarias han detectado dous novos grandes brotes de COVID-19 nas residencias de maiores galegas, que este mércores suman 77 novos contagios, ata os 304.
En concreto, trátase da residencia Nosa Señora do Viso, no municipio ourensán de Lobeira, que detectou 47 casos de coronavirus entre os seus usuarios e que, ata o momento, non rexistraba ningún.
Nosa Señora do Viso residencia de Lobeira Ourense nunha imaxe do Facebook da Fundación San Rosendo, que xestiona o centro
Do mesmo xeito, a residencia Ballesol de Oleiros, que no último parte contaba con sete afectados, detectou outros 23 contagios, co que xa son 30 os usuarios enfermos.
A residencia galega con máis internos afectados continúa sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 132 positivos COVID-19, un menos que este martes despois de que unha usuaria cursase a súa baixa do centro.
A continuación, a residencia de O Incio mantense con 58 maiores afectados e o fogar residencial O Piñeiral ten 21. Estas últimas son as tres residencias que, polo momento, ten intervidas a Xunta.
Está por ver se a Consellería de Política Social intervén os dous novos centros golpeados pola covid-19. Na primeira onda o Goberno foi moi remiso a intervir, por exemplo deixou sen intervir Domusvi San Lázaro onde morreron máis de 50 persoas, pero nesta segunda onda está a tomar máis responsabilidades.
Por agora, faleceron 317 persoas que vivían en residencias, 144 nos propios centros, sen ser ingresadas nun hospital. Os falecementos de residentes supoñen en 43% das 721 vítimas do coronavirus en Galicia.
Escribe o teu comentario