Unha alumna dun CEIP de Sanxenxo e unha docente en Cee dan positivo por coronavirus e activan os protocolos sanitarios
O positivo por COVID-19 dunha nena nun CEIP de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, obrigou a activar os protocolos sanitarios ante o coronavirus no centro.
Mentres, en Cee, unha profesora de quinto de Primaria tamén se atopa illada desde o sábado, segundo relata La Voz de Galicia.
Segundo indicou o goberno local, trátase dunha alumna de Infantil do CEIP Magaláns, que deu positivo nas probas tras sentirse indisposta durante a xornada do venres.
A familia da menor recibiu a confirmación do positivo por parte do Sergas na tarde do domingo e na mañá deste luns trasladou a información ao centro.
O colexio xa indicou ao Sergas a listaxe dos seis alumnos e docentes da aula para realizar o seguimento e tomar as medidas oportunas, ben a través de probas de diagnóstico ou decretar illamentos.
Doutra banda, a afectada ten dous familiares matriculados na gardería municipal de Ou Revel, cos que mantén un contacto estreito.
As dúas menores xa non acudiron este luns á gardería e, tras a confirmación do positivo, practicaránselles as probas PCR. A dirección comunicou ao resto das familias destas dúas aulas a situación e as medidas para seguir.
Desde o Goberno local sinalan que o que ocorreu "é un escenario previsto polas autoridades sanitarias e educativas" e por tanto, "aínda que o ideal é que non houbese contagios, esa non vai ser a realidade" do territorio nos próximos meses.
"Ao longo do curso produciranse situacións similares", insistiron, para apelar a "que se apliquen os protocolos establecidos coa máxima eficacia posible" e "evitar a propagación do virus".
CEE
Mentres, no caso do colexio de Cee, os alumnos da aula da profesora afectada foron reacondicionados noutra clase. O director do centro explica que os motivos para adoptar esta decision é que se trata dunha aula cun grupo de convivencia estable, onde os pupitres respectan a distancia de seguridade e onde todos os alumnos usan a máscara obrigatoria.
Escribe o teu comentario