Pico de coronavirus en Galicia? Os contaxios levan dúas semanas desacelerando
Un pouquiño máis de esperanza á que agarrarnos. As cifras de hoxe, como as de onte, permiten entrever certa luz ao final do túnel dos rebrotes estivais de coronavirus en Galicia.
Un pouquiño máis de esperanza á que agarrarnos. As cifras de hoxe, como as de onte, permiten entrever certa luz ao final do túnel dos rebrotes estivais de coronavirus en Galicia. Rebrotes que por certo acaban de provocar a imposición de restricións en certas áreas, como as cidades de Ourense e Santiago.
O mellor é a taxa positividade. O 4,4% dos máis de 4.800 test que fixo onte o SERGAS deu positivo. É a primeira vez desde o 12 de agosto que esta indicador baixa do 5%. Esa 5% barreira que a OMS estima como máximo para poder falar de que a pandemia pode estar a se controlar.
Tamén é clave que o SERGAS acelere outra vez na cantidade de probas, tras dous días por baixo dos 3.800.
Realizar máis test onte non provocou moitos máis positivos. Son 213 positivos este mércores, fronte aos 208 de onte.
Como se aprecia no gráfico da indicadores clave que a diario actualiza Galiciapress, hai cada vez máis indicadores de que Galicia pode estar a baixar xa un pico, ou preto de alcanzalo, sempre que non aparezan novos rebrotes de importancia, claro.
Se miramos a gráfica de cambio diario, vemos que hoxe hai un 2,8% de casos máis que onte. Se ampliamos o foco, como debemos facer sempre para estimar tendencias, vemos que a media móbil a sete días está nun crecemento do 4,7% de casos activos cada día.
O optimismo pode alimentarse de que desde o 16 de agosto o aumento diario está a se relaxar, o que implica que o COVID-19 aínda acelera, pero cada vez menos. Hai que lembrar que a mediados de agosto o crecemento diario roldaba o 14%.
A taxa de incidencia galega a 14 días, que mide os positivos nas últimas dúas semanas, baixou onte por vez primeira en moito tempo, aínda que sexa moi lixeiramente. Cada dúas semanas están a infectarse unhas 123 persoas en Galicia.
SANTIAGO PREOCUPA, A CORUÑA MELLORA
Iso a pesar de que a situación é cada vez peor nalgunhas áreas. Segue mellorando notablemente A Coruña, que por vez primeira en máis dun mes ve como baixan os seus casos activos.
Pola contra, é preocupante a aceleración do virus na área de Santiago, onde se acaba de detectar un brote no Multiusos do Sar e hai activos outros NA conservera Escurís da Pobra, nunha familia e a súa contorna de Negreira e en Santa Comba. Máis información en detalle sobre a evolución en cada área sanitaria aquí.
CURACIÓNS, FALECIDOS E HOSPITALIZADOS
O parte deste mércores da Xunta mostra que se curaron na Comunidade un total de 12.879 persoas, que son 108 máis que as que figuraban nos datos do martes.
Lamentablemente, tamén se informa de catro novos falecementos, tres no HULA e un no CHUAC, o que eleva o total de mortes con COVID-19 desde que comezou a pandemia a 648 en Galicia, segundo as cifras da Xunta.
Galicia realizou ata o momento 344.011 probas PCR.
A presión sobre os hospitais segue sendo bastante limitada. 14 positivos están en UCI, 156 en unidades de hospitalización e 3.677 illados nos seus domicilio.
Isto implica que os hospitais galegos teñen o 2% das súas camas ocupadas por pacientes de COVID, moi lonxe doutras autonomías como Madrid, que xa teñen o 15%.
TENDENCIAS
Analizando todas estas cifras, podemos inferir algunhas tendencias:
- Galicia segue evitando o temido crecemento exponencial da primavera
- O COVID -19 infecta cada día a menos galegos, pero só desde Hai, aproximadamente, unha semana
- É moi pronto para falar de pico dos rebrotes estivais, pero podería alcanzarse se A Coruña pronto continúa mellorando e non saltan outros grandes focos

Escribe o teu comentario