O confinamento da Coruña máis probable ao dispararse os contagios alí, pero tamén en Ferrol

Moi malas cifras hoxe do coronavirus en Galicia. Hai 109 positivos novos. A maioría, 61 procedentes da Coruña, que se achega así ás temidas restricións de mobilidade. A pandemia tamén acelera en Ferrol, con 9 casos máis.


|

Moi malas cifras hoxe do coronavirus en Galicia. Hai 109 positivos novos. A maioría, 61, procedentes da Coruña, que se achega así ás temidas restricións de mobilidade. A pandemia tamén acelera en Ferrol, con 9 casos máis.


O número de casos activos de COVID en Galicia segue en aumento, con 87 casos máis que este martes. Como houbo 22 altas, pódese deducir que o total de positivos onte foi de 109. O SERGAS segue sen publicar este indicador, o de novos contaxios diarios, a pesar da súa relevancia.


O total de casos activos en Galicia sitúase en 827. É a maior cifra desde o 26 de maio, recentemente estreada a fase 2 da desescalada. 


Hoxe o virus sobe en todas as áreas, salvo na de Pontevedra, que segue igual. 


Dos 827 casos activos, 463 corresponden á área da Coruña e Cee --57 máis que este martes--; 84 á de Lugo --catro máis--; 116 á de Vigo --oito máis--, 45 á de Pontevedra e O Salnés --sen cambios--; 54 á de Ourense --cinco máis--; 45 á de Santiago --catro máis-- e 20 á de Ferrol --nove máis--.



A CORUÑA TEN MÁIS DA METADE DOS CASOS GALEGOS

Dos 827 de Galicia, 463 corresponden á da Coruña e Cee. É dicir, esta área sanitaria acumula máis do 55% dos enfermos do país.


O aumento de casos activos na Coruña é de 57 máis que a xornada pasada. É o terceiro aumento máis importante desde o inicio do rebrote de Meicende e Santa Cruz de Oleiros. Implica  un notable empeoramento respecto onte, cando o aumento foi de só 35 casos.





En realidade, os positivos herculinos foron 61 onte, porque houbo catro altas. Ademais, faleceu a persoa que estaba na UCI hai semanas. Os hospitais empezan a sentir a presión, con 24 ingresados, 8 máis nun día.





Así as cousas, parece imposible que o SERGAS suavice as restricións impostas o venres, que caducan hoxe pola noite


De acordo á media móbil a sete días, o coronavirus está a crecer un 16,9% cada día na área sanitaria. É o seu máximo valor ata a data, a pesar de que a porcentaxe de aumento de hoxe sexa só do 14%.  Con todo, eses 61 novos diagnósticos poden indicar que o pico do rebrote puido quedar atrás, aínda que moi recentemente.





Endurecerá as restricións a Xunta?  Parece posible vistas as cifras. Os seus expertos están reunidos agora mesmo. 


O conselleiro de Sanidade admitiu onte que as restricións á mobilidade son a medida máis grave que poden tomar e que só a usarán se non hai máis remedio. 


De haber limitacións ao movemento, probablemente sexa na cidade e na súa periferia, moitísimo máis castigadas que outros concellos máis afastados. Hai que lembrar que a área sanitaria herculina chega ata Fisterra. 


Onte la capital sumaba o 70% dos casos activos de toda a área sanitaria e máis do 40% dos de Galicia, a pesar de achegar o 9% da poboación do país.


Pese ao aumento constante de casos nas últimas xornadas, Sanidade non informou de máis focos.  Fíltranse algúns, iso si, como o detectado nunha empresa da lonxa do Porto da Coruña.


Isto apunta a que o SERGAS está a identificar moitos casos fóra dos rebrotes coñecidos de Arteixo-Oleiros e Vimianzo. De feito, hai varios días que os considera controlados. Noutras palabras, todo indica que, como leva días alertando Galiciapress, non é problema de tal ou cal foco, empeza a temida transmisión comunitaria.


ALGO PASOU EN FERROL

De hoxe sorprenden moito as cifras de Ferrol, que suma 9 casos ata poñerse nos 20. Sorprende porque o SERGAS non comunicou ningún brote alí, a pesar de que ten a obrigación de declaralo se hai 3 ou máis contagios relacionados.


Hai que lembrar que Ferrol foi a única área de Galicia que logrou quedar sen casos activos. Segue sendo a zona con menos casos, tamén con menos poboación, cuns niveis similares aos de principios de xuño. 


OUTRAS ÁREAS SANITARIAS

En Vigo crecen os casos activos ata os 118, con 8 novos desde onte. É probable que teñan que ver cos últimos rebrotes, comunicados hai dous días en Vigo, Salvaterra e Val Miñor.


As boas noticias, por agora, chegan de Lugo. Só sobe en catro casos activos. Hai que lembrar que hai ducias de traballadores agrícolas en corentena en Castro de Rei tras dar positivo varios compañeiros. Así que, ou están a dar negativo, ou aínda non chegaron os resultados. 


Relevante subida tamén en Ourense, cuxo último rebrote coñecido é o dunha moza de 24 anos a capital, o seu fillo e unha amiga. No CHUO ingresaron varios enfermos nas últimas horas, persoas maiores procedentes de rebrotes de zonas rurais.


DATOS A NIVEL GALICIA

O coronavirus está a provocar un 10,8% máis de casos  activos cada día en Galicia, indica a media móbil a 7 días. O máximo valor deste indicador da tendencia da pandemia desde que empezaron os rebrotes, en parte debido ao aumento do 11,8% de hoxe.





CATRO HOSPITALIZADOS MÁIS E UNHA MORTE NA CORUÑA

Do total de pacientes positivos, 35 permanecen en unidades de hospitalización convencional. Son catro máis que este martes.


Hai  tres na UCI --uno máis a pesar do falecemento dunha persoa en coidados intensivos na Coruña. 789 atópanse en seguimento domiciliario --22 máis respecto a a xornada pasada--.

Sanidade indica que, ata o momento, curáronse en Galicia 11.476 persoas, 22 máis que a xornada anterior, e faleceron 622 pacientes con COVID. A última vítima mortal notificada foi unha muller de 89 anos da área sanitaria da Coruña, confirmou a Consellería.


MÁIS TEST, POR FIN

O número de PCRs realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 269.448 fronte ás 266.893 contabilizadas ata este martes, indicou Sanidade. 





Isto implica que o SERGAS recuperou o ritmo de probas diarias. A pesar da crise na Coruña, reduciuse moito nas pasadas xornadas.


Habitualmente a Xunta viña realizando unhas 1.800 PCRs ao día. Desde finais da semana pasada baixou a cantidade progresivamente ata só 1.200 onte. Hoxe disparáronse ata as 2.555.


Estas fortes oscilacións, sen explicar, da cantidade de probas inflúen en la taxa de positividade. A de onte baixou respecto a a de xornadas anteriores, quedándose no 4,2%, que en todo caso é o dobre da que viña observando a semana pasada. 


O doutor Luís Vázquez mostra nesta gráfica ata que punto disparouse a positividade dos PCRS respecto a xuño.





Areas



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE