O lume de Cualedro, o maior en tres anos en Galicia, está controlado pero outro segue activo no Incio
Os incendios seguen arrasando con forza o interior de Galicia a pouco do inicio da tempada de máximo risco
O incendio orixinado no municipio ourensán de Cualedro mantense controlado desde as 15,37 horas de onte sábado, tras tres días e un total de 1.535 hectáreas queimadas, de acordo coas últimas estimacións, sinalou a Consellería do Medio Rural. A superficie afectada converte a este incendio no máis grande de Galicia desde a vaga de incendios de 2017.
INCENDIO O DOMINGO POLA TARDE EN TRASCASTRO
Ademais, está activo outro lume que comezou este domingo ás 16,54 no concello do Incio, na provincia de Lugo, e que calcinou 2,5 hectáreas. En concreto, afecta á parroquia de Trascastro e ao lugar desprazáronse un axente, sete brigadas, catro motobombas, unha pa, seis helicópteros e cinco avións.
MÁIS DE 500 HECTÁREAS AGRÍCOLAS ARRASADAS EN CUALEDRO
Os efectivos de emerxencias lograron estabilizar a última hora do este venres o lume de Cualedro, que comezou ao mediodía do mércores na parroquia de San Millao e no que chegou a ser necesaria a activación da 'situación 2' pola súa proximidade ao núcleo de poboación de San Cristovo, en Monterrei. Do terreo queimado, 525 hectáreas son agrícolas e 1.010 forestais, segundo os datos provisionais.
Para o seu control mobilizáronse dous técnicos, 43 axentes, 106 brigadas, 45 motobombas, seis pas, 13 helicópteros e 13 avións, así como membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Escribe o teu comentario