Non hai sobrecustos na factura da auga en Ourense por culpa do estado de alarma
A concesionaria indica que "a estimación non se fixo nin á alza nin á baixa, senón que se realizou estritamente tomando como referencia o consumo do mesmo período do ano anterior". Ademais, lembra que "unha vez obtida a seguinte lectura real, normalizáronse, por exceso ou por defecto".
Viaqua, a xestora da auga en Ourense, non está a cobrar "sobrecustos", como a acusou onte o BNG de Ourense. Simplemente pasou no seu día facturas baseadas en estimacións de consumo, dado que durante o estado de alarma, loxicamente, non debía enviar aos seus traballadores para revisar os contadores, explica a firma en comunicado.
A concesionaria indica que "a estimación non se fixo nin á alza nin á baixa, senón que se realizou estritamente tomando como referencia o consumo do mesmo período do ano anterior". Ademais, lembra que "unha vez obtida a seguinte lectura real, normalizáronse, por exceso ou por defecto".
É dicir, que o importe pago polo consumidor ao final corresponde co que efectivamente consumiu, a pesar de que o coronavirus provocase que durante algún tempo ninguén puidese revisar os contadores.
OUTRAS MEDIDAS
A firma explica, ademais, que ten un programa para aprazar as facturas, sen intereses, dispoñible para "todos os colectivos que fronte a esta situación excepcional presente dificultades no pago das súas facturas". Ademais, "duplicouse o prazo das facturas", polo que hai dous meses para realizar o abono, contados a partir do momento no que normalmente chega o recibo.
A pesar destas iniciativas, os nacionalistas ourensáns denunciaron onte unha "estafa silenciosa por parte de Viaqua", chegando afirmar que o grupo ía apropiarse así de medio millón de euros que non lle correspondería.
Escribe o teu comentario