A patronal da pirotécnicas carga contra o Goberno por trabar os fogos artificiais no verán
Critica que non autorizase celebrar espectáculos de fogos artificiais por unha "aplicación exacerbada" dos prazos mínimos de solicitude
A AGIP lembra que pronto son as festas do Carmen, un dos principais motores dun sector do que dependen centos de postos de traballo en Galicia
Imaxe de arquivo dos lumes do Apostol en Santiago, que si se celebrarán, pero nos barrios, non no Obradoiro
Nun comunicado, a asociación lembrou que o próximo 16 de xullo, cando se celebrará a festividade da Virxe do Carmen, iniciarase a contratación de espectáculos cuxa autorización compete á Delegación do Goberno e remarcou que a tempada estival concentra a maior parte da actividade do sector.
Con todo, denunciou que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra rexeitase as solicitudes de empresas pirotécnicas para levar a cabo espectáculos de fogos artificiais con motivo da festividade da Virxe do Carmen por ser solicitados fóra dos prazos mínimos fixados pola norma.
Debido a esta situación, a asociación presentou un recurso potestativo de reposición ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra que foi resolvido de forma negativa, o que "só deixou aberta a vía xudicial". Así as cousas, a entidade lamentou que "será imposible conseguir que Día do Carmen poida celebrarse con espectáculos de pirotecnia nas vilas, localidades e municipios de Galicia".
Por iso, a entidade criticou que a Administración central haxa realizado unha "aplicación exacerbada dos prazos mínimos fixados na norma para a tramitación dos expedientes" a pesar de "a excepcional situación sanitaria, social e económica xerada pola pandemia".
De feito, a asociación apuntou que a Xunta publicou o pasado 27 de xuño a normativa coas condicións mínimas necesarias para poder celebrar verbenas e festas populares, polo que destacou a dificultade que conlevou "presentar unha autorización de espectáculos pirotécnicos dentro do prazo de 15 días fixado na norma".
"FALTA DE COLABORACIÓN"
Deste xeito, reprobou a "falta" de colaboración mostrada pola Delegación do Goberno na comunidade cun sector que, segundo lembrou, factura tres millóns de euros ao ano e xera máis de 200 empregos directos e indirectos.
Así mesmo, a Asociación Galega de Industrias Pirotécnicas incidiu en que se pode garantir o cumprimento das medidas de seguridade e evitar aglomeracións durante a celebración dos espectáculos, polo que lamentou a "obstrución" do Goberno aos mesmos.
Ademais, alertou de que a continuación da actividade resulta precisa para recuperar os empregos indirectos xerados polo sector e reincorporar aos traballadores que foron sometidos a Expedientes de Regulación de Emprego Temporal (ERTE). Así, criticou que o Executivo "impida a reactivación" das empresas pirótecnicas, sobre as que asegurou que se viron "enormemente prexudicadas" pola crise sanitaria.
Escribe o teu comentario