System of a Down, Korn e Deftones son as primeiras confirmacións para o Resurrection Fest 2021
O Resurrection Fest Estrela Galicia 2021 anuncia este xoves a presenza de System of a Down, Korn e Deftones como cabezas de cartel. O festival en 2021 celebrarase do mércores 2 ao sábado 5 de xuño.
"A única razón para moverse da fin de semana orixinal foi poder conseguir que o cartel mantivese as expectativas do noso público, vosostr@s, algo que de quedarnos na fin de semana orixinal e previamente anunciado sería imposible", apunta o comunicado.
En 2022, o Resurrection volverá ás datas orixinais, pero en 2021 e "no medio desta situación extraordinaria, na que moitas bandas acurtaron os seus períodos de xira ou modificaron por razóns alleas ao festival, farase unhas semanas antes".
E engade a organización: "En especial, gustaríanos darvos as grazas a tod@s pola vosa confianza e gardar as entradas para o ano que vén. Non mentimos cando dicimos que temos o mellor público do mundo. Confiastes no Resu e as devolucións durante todos estes meses foron mínimas. Mil grazas!"
Aqueles que mantiveron as entradas, Resucamp ou viaxes, teñen que ter claro que serán "perfectamente válidas" para as novas datas. Toda persoa que non poida acudir nestas datas, con todo, pode poñerse en contacto co soporte da ticketera do festival nun prazo de 15 días no email de info@ayudaeventos.com.
"Por último, sabede que isto é só un adianto e estamos a traballar duro en reprogramar as bandas do ano pasado como prioridade. Proximamente anunciaremos o cartel final, variado e repartido por días, e sacaremos á venda as entradas que se devolveron neste tempo", finaliza.
Escribe o teu comentario