​Queremos Galego: “Hoxe non estariamos a falar de reivindicación da lingua se non houbese persoas como Carvalho Calero”

Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentou ante os medios as accións que teñen pensado a plataforma cidadá de fronte ao día 17 de maio, Día dás Letras no que se homenaxeará a Carvalho Calero nun ano atípico para poder levar a cabo estes festexos da maneira que merece unha das figuras máis influentes da literatura, a lingua e a cultura galega. 


|

Marcos Maceira, portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentou ante os medios as accións que teñen pensado na plataforma cidadá de fronte ao día 17 de maio, Día das Letras no que se homenaxeará a Carvalho Calero nun ano atípico para poder levar a cabo estes festexos da maneira que merece unha das figuras máis influentes da literatura, a lingua e a cultura galega.


Nese sentido, e cuestionada por Galiciapress, desde a plataforma recibiron con interese a posibilidade de estender as homenaxes ao autor en 2021, unha posibilidade que hoxe estuda con detemento a Real Academia Galega (RAG), que admite que non se pecha a esa proposta: "Se a RAG está a considerar estender as homenaxes, nós apoiaremos ese decisión”.


Imaxe da campaña da novela gráfica sobre Carvalho Calero

Camapaña da novela gráfica de Carvalho Calero


O 17 de maio é un dos días de Galicia por antonomasia e, aínda que este ano a crise do coronavirus faga desta unha data singular, as distintas organizacións de defensa e promoción da lingua traballan para que este Día das Letras se desenvolva na maior normalidade posible. Así traballan desde Queremos Galego, onde Marcos Maceira, portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentou as accións programadas para este domingo, un día para “desconfinar a lingua”.


Precisamos do galego porque é xustiza, igualdade e cohesión social”, afirmou Maceira, á vez que destacou que estes elementos son imprescindibles “nun contexto como este”. “A cohesión social que dá o galego é algo que deberiamos aproveitar para saír desta crise”, recalcou Maceira.


Nesa liña, desde Queremos Galego lamentaron que a día de hoxe as administracións públicas “sigan facendo oídos xordos á alerta de emerxencia lingüística que vivimos”. Nese sentido, e lembrado as advertencias que organismos como o Consello de Europa fixeron chegar á Xunta ao longo do ano pasado sobre a situación que vive a día de hoxe a lingua galega, critican a postura da Xunta. “Escóitasenos en ámbitos internacionais máis que no Goberno galego”, criticou o portavoz de Queremos Galego.



Reclamamos que o Goberno galego se poña á cabeza, como lle corresponde, nunha situación de emerxencia lingüística como a que vivimos”, reclamou Maceira, á vez que estendeu este rogo “ao Goberno actual e ao que poida vir”. A continuación, Maceira lembrou a “inactividade” da Xunta e a regresión que sufriu o galego na última década. Nese sentido, fixo fincapé nas comparecencias do presidente Alberto Núñez Feijóo durante esta crise, onde deixou de lado o galego cando as súas funcións “teñen obrigacións ao redor da lingua”, e ás recomendacións da ONU de utilizar a lingua propia de cada país na información relacionada co coronavirus. “Hai moi poucos pobos que renuncien á súa lingua e aspiren á súa vez aos niveis máis altos de desenvolvemento e progreso”.


ACTOS O 17 DE MAIO

Por todo isto, e en defensa da lingua, desde a plataforma fan un chamamento á manifestación de todos aqueles que o día 17 queiran poñer en valor a cultura galega. Ante a imposibilidade de poder realizar manifestacións multitudinarias, Queremos Galego anima a levar as protestas aos balcóns “colgando de xanelas e balcóns a bandeira galega e carteis que reivindiquen a nosa lingua co lema ‘Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión’" e ás redes sociais e anima a compartir publicacións en redes ese día coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #17demaio. Lemas que, doutra banda, están dispoñibles na web de Queremos Galego.



Con todo, e unha vez que Galicia entrou na fase 1 da desescalada, a situación actual permite á plataforma pensar nun pequeno acto de homenaxe á figura homenaxeada. “Visto que hai posibilidade, organizaremos unha pequena homenaxe ante o busto de Carvalho Calero na Carreira do Conde en Santiago de Compostela”. No acto participarán representantes dalgunhas das  entidades que compoñen Queremos Galego e será alí onde se lerá o manifesto redactado para ese día, unha carta aberta obra da activista da lingua e profesora da Universidade da Coruña, Pilar García Negro.


“Hai motivos máis que dabondo, talvez máis que nunca, para mobilizarse dentro do que podemos este 17 de maio e esperamos que máis pronto que tarde o podamos facer de novo nas rúas de Santiago, dos nosos pobos ou cidades”, admitiu Maceira.


HOMENAXE EN 2021?

Nesta situación tan atípica, moitas foron as voces que reclaman que as homenaxes a Carvalho Calero fáganse extensibles ao ano que vén, xa que consideran que unha figura como a do ferrolán merece ser homenaxeada nas mellores condicións. Esta posibilidade é a que estuda a Real Academia Galega, que se viu obrigada a aprazar ata outubro o acto oficial de conmemoración a Calero e a reformular a programación prevista.


Por isto, hoxe na RAG valoran se estender formalmente a 2021 as homenaxes e o propio presidente do organismo Víctor Freixanesrecoñeceu que estaban a avaliar a proposta sy puxo en valor os esforzos de distintos colectivos en dar visibilidade á figura de Calero nestes momentos difíciles.  



Cuestionados por este medio sobre como foi acollida esta noticia na plataforma, algunhas entidades que compoñen Queremos Galego din ter “posicionamentos moi claros” ante esta proposta. “Non hai normalidade para celebrar absolutamente nada”, lamentou Maceira. 


Pensamos que a RAG debe facerse cargo desta situación, e máis tratándose da unha figura da relevancia como a de Carvalho Calero, que dedicou toda a súa vida á defensa da lingua e a desconfinarla e facela dun uso plenamente normal. Esa figura merece unha decisión así”.


Con algunhas librerías aínda coa persiana baixada, cos centros escolares pechados e coas organizacións sociais cunha marxe de manobra dan estreito, a plataforma cre que non hai os ingredientes para “a divulgación da vida e a obra de Carvalho Calero”. “As circunstancias obrigaron a non celebrar as homenaxes a este autor como se merece”, afirmou Maceira, ao mesmo tempo que subliñou a importancia deste personaxe na propia Mesa pola Normalización Lingüística e o gran número de colectivos e persoas que levaban demandando desde hai anos que este día dedicásese ao ferrolán.


Cando por fin se consegue a homenaxe, parece que as circunstancias limitan a celebración; hoxe non estariamos a falar de reivindicación da lingua se non houbese persoas que nos precederon e deron a súa vida para que hoxe podamos manter erguida a bandeira da lingua”, agregou Maceira. “Se a RAG está a considerar estender as homenaxes, nós apoiaremos ese decisión”, resolveron desde Queremos Galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE