Novo premio para investigacións sobre corrupción lanzado polo Consello de Contas de Galicia
O Consello de Contas anunciou este luns a convocatoria do I Premio Carlos G. Otero Díaz, para traballos de investigación relacionados co ámbito da corrupción.
O ente fiscalizador das contas públicas galegas innova premiando os traballos científicos que axuden a combater a fraude de diñeiro público. O galardón leva o nome Carlos Otero Díaz, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e primeiro conselleiro de Economía da Xunta de Galicia
José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas
Unha das formas de contribuír a este obxectivo consiste en "empregar instrumentos que incentiven a elaboración de traballos relacionados coa prevención da corrupción no sector público, nas súas diversas vertentes, como son os premios de investigación", apunta o Consello.
Por iso, en setembro de 2019, a entidade creou o Premio de investigación Carlos G. Otero Díaz, para "promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións publicas".
REQUISITOS PARA Os PARTICIPANTES
De acordo coas súas bases, poderán concorrer ao premio os autores ou coautores de traballos de investigación que residan nalgún dos países da UE, e que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación.Quedan excluídas aquelas persoas que tivesen a condición de membro ou persoal do Consello de Contas nos dous anos anteriores á convocatoria do premio e, en edicións posteriores, os que xa fosen recoñecidos co primeiro premio e os membros do xurado.
O prazo de presentación dos traballos comezará este martes e terminará o 31 de outubro de 2020. A decisión do xurado coñecerase o 30 de novembro.
Os galardóns, dotados cun importe global de 4.500 euros, serán repartidos con 3.000 euros para o primeiro premio e 1.500 para o segundo. Se son declarados desertos, poderanse conceder ata tres accésit de 1.000 euros cada un.
Escribe o teu comentario