Jorge Aboal: "Este estudo marcaranos os pasos para o desconfinamento en Galicia"

Galiciapress entrevista a Jorge Aboal, o director xeral corresponsable de o estudo epidemiolóxico do SERGAS, que desde este xoves rastrexa as defensas dos galegos contra o coronavirus.


|

Galiciapress entrevista a Jorge Aboal, o director xeral corresponsable de o estudo epidemiolóxico do SERGAS, que desde este xoves rastrexa as defensas dos galegos contra o coronavirus.


O estudo está codiseñado polo Instituto Galego de Estatística, encargado de decidir o tamaño da mostra, que estará conformada en total por 50.925 persoas, sobre a que calcularon un intervalo de confianza “do 95% e unha altísima precisión”. Ademais, é o IGE o que marca por cada centro de saúde -465 centros compoñerán o estudo- a cantidade de persoas ás que hai que citar, a división entre home e mulleres e a subdivisión por idades: menores de 19 anos, de entre 19 e 65 anos e maiores de 65.


 

Jorge Aboal

Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria, atendeu as cuestións de Galiciapress | Foto: CRTVG


“Aínda que sexa unha mostraxe, os datos van ser próximos a uns datos obxectivos. O método estatístico que propoñen é unha mostraxe aleatoria simple, onde o azar será o que identifique a quen imos chamar de todas as persoas con tarxeta sanitaria”, advirte Aboal. Os contactados poderán presentarse ou non ao estudo, xa que é de caracter voluntario, aínda que desde a Xunta confían na predisposición da cidadanía para formar parte dunha avaliación desta magnitude en canto a importancia e dimensións.


Pero, que pretende conseguir a administración galega con este estudo? “O obxectivo é saber a circulación do virus pola nosa comunidade: por que persoas circulou en número e por características sociodemográficas”.


Este estudo, que como apuntan desde a dirección xeral de Asistencia Sanitaria abarcará os sete grandes municipios e que despois será por comarcas, dará a coñecer os datos fundamentais para poder afrontar con seguridade a desescalada e poder preparar unha hipotética segunda onda de novos casos, unha das principais preocupacións que a día de hoxe ocupan o tempo dos expertos, que tratan de previr o impacto desta futura andanada.


No referido á desescalada, Aboal recoñece que a “vida normal” non se recuperará, tal e como a coñeciamos, “ata dentro de moito tempo”. Con todo, os datos si apuntarán ás mellores formas para poder dar paso ao desconfinamiento. “Dependendo do estado inmunolóxico das persoas teremos que facer unha desescalada proporcional”, argumenta. Ademais, as características propias de Galicia son as que motivan á Xunta ha propoñer un estudo propio. “Non é o mesmo o que ocorre na costa que no interior, nin no norte que no sur…cada unha someterase a unhas etapas ou outras segundo a afluencia de poboación e as súas complexidades”.


FUTURAS ONDAS EPIDÉMICAS

Doutra banda, o estudo será fundamental para saber o número de inmunizados e de persoas susceptibles que hai a día de hoxe en Galicia, un detalle cunha importancia catedralicia á hora de encarar os seguintes brotes. “En Galicia anticipámonos con medidas, compra de respiradores, con confinamento…iso axudou a dar resposta á onda epidémica desde os servizos sanitarios e facelo por fases para planealas de forma correcta e anticipada”.


Nese sentido, a 'Fase 4', a dos hospitais de campaña, estivo preparada en Galicia moito antes de ser necesaria, e de feito segue sendo un recurso que a comunidade aínda non gastou. “Desde a planificación este aspecto é fundamental para saber que nos podemos esperar e anticiparnos ás seguintes ondas epidémicas para poder atallalas a tempo. E se vén unha segunda onda hai que facer o que fixemos nesta: anticipar e prever para dar resposta asistencial a todos os que a necesitaban”.

O estudo será fundamental para saber o número de inmunizados e de persoas susceptibles que hai a día de hoxe en Galicia


Para poder facer ese labor preventiva, os expertos servíronse das experiencias vividas en Lombardía, un territorio cunhas características parellas ás de Galicia, e poder combater os problemas aos que se podería enfrontar a comunidade chegado o momento, o que motivou a compra de respiradores volumétricos e o aprovisionamento de material, como indicou Aboal. 


Con todo, nesta onda Galicia nunca chegou a sufrir a saturación das Unidades de Coidados Intensivos que si rexistrou o territorio lombardo ou a Comunidade de Madrid. “Como director xeral de Asistencia Sanitaria ver como un galego necesita un respirador e non poder darllo é algo que non quero ver nunca, polo que temos que ser precavidos e monitorar as ondas que poidan vir”, recalca Aboal, que pon en valor o estudo para coñecer a porcentaxe de ataque do virus.


A ATENCIÓN PRIMARIA “FUNDAMENTAL” ANTE NOVOS BROTES

Nesa liña, moitos expertos a nivel mundial deron a voz de alarma pola virulencia que podería traer consigo a segunda onda. Para mitigar o golpe, desde o SERGAS consideran que, ademais da prevención, outro factor crave será a atención para “identificar os primeiros casos, para illalos rapidamente e illar a todas as persoas coas que puideron ter contacto” co fin de evitar unha nova “transmisión comunitaria” como vivimos estes meses e que obrigou a desprogramar a actividade asistencial normal e ter un plan de continxencia como o que vivimos.


Nese capitulo, o da velocidade para identificar os futuros novos casos, Aboal considera que será importantísimo o papel da Atención Primaria, advertindo que será “sobre a que pivotemos o estudo de casos temperáns para evitar os brotes”. Con todo, foron os compoñentes da Atención Primaria galega os que criticaron que, pola súa situación actual onde as denuncias por falta de persoal, de medios ou de recursos son unha constante, o impacto do coronavirus no país foi moito maior do que podería ser de contar cunha Atención Primaria máis eficiente.


Manifestación de médicos de atención primaria este sábado en Santiago de Compostela

Manifestación multitudinaria dos profesionais da Atención Primaria


Cuestionado por este aspecto, Aboal ve “moi capaz” á Atención Primaria galega de asumir esa responsabilidade no futuro e cunha rede de Atención Primaria que conta con “magníficos profesionais”. “Isto é un problema de todo o mundo, como ocorreu cos test rápidos, que ninguén tiña e todo o mundo quería. Pero non o digo de forma figurada: está todo o mundo na mesma situación. Os medios que temos agora son moitísimos máis que cpm os que contabamos fai tres meses. E hai que ter en conta que houbo momentos nos que a adquisición de EPIs e máscaras era moi complicada, non só para Galicia, senón para o resto de territorios e países”, matiza o director xeral de Asistencia Sanitaria.


Os TEST DO ESTUDO

Para poder obter os datos do estudo, Galicia utilizará os test que enviou o Goberno de España e que a Xunta criticou ao constatar que non valían para facer avaliacións diagnósticas, aínda que si para poder realizar este estudo epidemiolóxico. “É importante ter claro que este é un estudo mediante test epidemiolóxicos e non diagnósticos”, salientan desde a Xunta. 


Estes test monobanda, testados polo Instituto Nacional Carlos III, din se houbo contacto ou non co virus, que é o que pretende o estudo. “Os test teñen unha especificidade do 100% e unha sensibilidade para partir do quinto día da infección de en torno ao 84%”, sinala Aboal, que lembra que estes datos son moi bos para un estudos estatístico como o que expón a Xunta.


UN ESTUDO DOBREMENTE POLÉMICO

O estudo arrincou onte e non sen polémicas. Primeiro por as críticas vertidas desde os traballadores do sector sanitario, que puxeron en dúbida a necesidade de facer este estudo cando aqueles que se atopan en primeira liña de batalla aínda non foron avaliados.


En ese sentido, Aboal lembra que os test do estudo non son os adecuados para un diagnóstico, senón que son de carácter epidemiolóxico, que Galicia acaba de recibir un envío de 30.000 test rápidos de dobre banda “que si teñen significación clínica e que son os que estamos a utilizar cos nosos profesionais sanitarios” e que se priorizou para a súa análise “aos sanitarios que traballan nas zonas Covid”. “Temos que coidar a quen nos coida”, valorou Aboal.


SOLICITUDE DE SÁNCHEZ DESATENDIDA

Doutra banda, o anuncio do estudo espertou no seu día malestar en Moncloa, o que levou ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a solicitar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóoque non realizase un estudo paralelo ao programado polo Goberno central, un diálogo no que Feijóo se enrocó e que propiciou este estudo. Sobre as complicacións que se poidan derivar de ter dous estudos ao mesmo tempo, Aboal cre que “en ningún caso” pode ser prexudicial contar con dous estudos.


No mundo científico facer dous estudos nunca é prexudicial. Sempre son complementarios 


“No mundo científico facer dous estudos nunca é prexudicial. Sempre son complementarios. Eu entendo que o estudo que queren facer desde o Ministerio quere coñecer a circulación do virus por todo o territorio, algo que é moi importante, cun obxectivo a nivel España para comparalos con outros países e no que imos participar”, agrega Aboal, á vez que lembra que as características de Galicia son distintas ás do resto de territorios e son as que motivan á comunidade para ter un estudo cun nivel de detalle propio. En calquera caso, os datos do estudo galego serán públicos e compartidos no momento no que poidan darse a coñecer.


REPUNTE DOS ÚLTIMOS DÍAS

Os datos que ofrece o SERGAS esta semana ao redor dos novos casos diarios de coronavirus confirman un preocupante repunte no número de novos positivos, un salto sen dúbida influído polos casos confirmados en profesionais sanitarios que estiveron a operar co material de prevención defectuoso retirado pola administración pública. Aínda que desde o Servizo Galego de Saúde admiten estes positivos, esperan que este repunte non supoña unha ameaza para a situación das UCIs galegas.



Aboal recoñece o defecto das máscaras que no canto de filtrar o 95% das partículas só filtraban o 80% -“que segue sendo un valor alto, peor cando pagas por un 95% de filtrado esperas eses niveis”-, pero aproveita para poñer en valor os exhaustivos e rigorosos controis de calidade aos que son sometidos os materiais sanitarios adquiridos por España, que son os que permiten coñecer estas deficiencias. “Todos os sanitarios que traballaron con este material xa foron avaliados cos test rápidos de dobre banda e proporcionalmente foron moi poucos os positivos. Non tivo un impacto como para provocar unha segunda onda”, comentan desde o SERGAS.

Todos os sanitarios que traballaron con este material xa foron avaliados cos test rápidos de dobre banda e proporcionalmente foron moi poucos os positivos. Non tivo un impacto como para provocar unha segunda onda


Con todo, fai un chamamento a estar moi encima destes novos casos e o impacto que poida derivarse nas UCIs, que a día de hoxe están “nunha situación controlada”. “É un virus altamente contaxioso e que pode provocar unha importante letalidade e mandar a moita xente á UCI para ser intubada. Ten unhas características que non se parecen aos demais virus: cando chegas á UCI no mellor dos casos vas estar 20 días intubado. É un virus moi agresivo para o sistema respiratorio”.


Do mesmo xeito, e aínda que o repunte non terá un efecto na desescalada, segundo sostén Aboal, desde o SERGAS resístense a poñer datas ou a anticipar como de preto está Galicia de cumprir os requisitos marcados pola OMS que convidan o levantamento das restricións e se se realizarán por áreas sanitarias. “Todas esas cuestións son ás que responderá o estudo. Oxalá puidese responder coa planificación na man, pero serán os datos desta comunidade os que marquen os pasos para dar que permitan aplicar a teoría”, argumenta Aboal, aínda que si deixa entrever que estamos “preto de planificar e expornos unha desescalada”. “Temos tempo ata o 9 de maio para preparala”, conclúe. 



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE