Ghaleb Jaber, director do AMAL: "Si en Galicia hai tiros por mover un marco, imaxina un palestino ao que lle quitan a terra"

Galiciapress xa entrevistou á portavoz da asociación prol-hebrea galega, Carla Reyes Uschinsky, presidenta da Asociación Galega de Amizade con Israel, que culpa á educación que dan os palentinos aos seus hijoso da perpetuación do conflito; un punto de vista completamente diferente do de Ghaleb Jaber Martínez, un empresario palestino-galego que preside a Fundación Araguaney e que, nesta conversación apunta a que a raíz do conflito é un colonialismo de base relixiosa, non étnica.

 


|

 

 

 

Galiciapress entrevista ao presidente da Fundación Araguaney e director do Festival Internacional de Cine Euro-Árabe AMAL, que arrinca o seu XXI Edición o vindeiro luns 23 en Santiago de Compostela. Galego e de ascendencia palestina, Jaber ofrece a súa perspectiva do conflito entre Israel e o pobo palestino, achegando algunhas similitudes coa propia Galicia. O papel instrutivo do AMAL, o poder transformador do audiovisual, o racismo ou as dificultades de levar axudas a Gaza, outros puntos da conversación. 

 

Ghaleb jaber
Ghaleb Jaber Martínez | Foto: CRTVG

 

Mentres medio mundo pensa unha fórmula para deter a barbarie, o outro medio pensa en métodos para destruír á outra metade. Nun mundo de extremos ninguén está a salvo, nin no hospital. Non importa o punto do globo no que nos atopemos, todos nos movemos nun arame moi fino e calquera paso en falso, noso ou doutros, pódenos abocar ao abismo. Entre os que buscan combater o horror está o compostelán Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney e director do Festival de cine AMAL, que emprega a cultura como arma para combater a ignorancia, esa que fai que nos aborrezcamos uns a outros sen motivo e queiramos matarnos. 

 

De raíces palestinas pero criado nas rúas da capital galega, Jaber vive moi pendente de todo canto ocorre en Oriente Próximo, pero tamén das cousas que pasan no mundo árabe no seu conxunto, que non se reduce a un só continente, algo que estivo moi presente nas máis de dúas décadas de proxeccións do Festival Internacional de Cine Euro-Árabe.
 

“Todas as edicións son especiais para nós, porque por desgraza vivimos nun estado de alerta constante. O mundo árabe é un pobo de moitas culturas que sempre está a buscar o seu lugar, novos camiños para transformar”, explica o director, que admite que os últimos acontecementos obrigaron a reformular un pouco a estrutura do que ía ser esta XXI Edición. 

 

MARROCOS E LIBIA NA MEMORIA

A pesar de todo, e aínda que as miradas se centran en Gaza, desde o festival xa decidiran moito antes que a lema escollido ía ser ‘Niguén está a salvo  e que a recadación este ano ía destinarse  ás vítimas dos terremotos de Marrocos e das inundacións de Derna, en Libia, desastres naturais que deixaron miles de mortos e sobre os que o AMAL queren pór o seu granito de area para responder a estas causas. 

 

 

“Queriamos reivindicar os desafíos globais aos que nos enfrontamos todos, con independencia do lugar do planeta no que nazamos: a loita contra os extremismos, o cambio climático, os conflitos…non entenden de fronteiras. Se non nos decatamos de que todos formamos parte dunha mesma sinerxía ninguén estará a salvo”, explica Jaber. 

 

Como exemplo, compara a “miseria na que pode vivir parte da poboación marroquí” con “a forma na que nós estamos esclavizados, nun sistema das sociedades europeas no que o traballo absorbe a nosa vida, onde o noso lecer, os nosos gastos, serven para financiar multinacionais que logo compran sistemas de saúde”. “Todos estamos presos dalgunha maneira dun sistema que non fai feliz a ninguén e onde ninguén está a salvo dunha sociedade que non creamos nós, que nos vén imposta, e onde ao final imos romper dalgunha maneira”, considera.

 

O CINE COMO PEDAGOXÍA E PORTAL Ao MUNDO

Por fortuna, e a pesar das complicacións, o AMAL conta en Galicia con “unha base moi sólida de xente interesada polo festival e polo cine en xeral”. “Compostela ten unha oferta cinematográfica das mellores do país: Curtocircuito, Cineuropa, o AMAL… Hai un público ávido de acceder a produtos difíciles de acceder fóra do ámbito máis comercial”. 

 

Dunha forma ou outra a loita do pobo palestino sempre estivo presente no AMAL. Sen ir máis lonxe, unha das películas máis aplaudidas en 2022 foi ‘Farha’, debut da xordana Darin J. Sallam​, que transportaba ao espectador á semente do conflito que chega até os nosos días. Un proceso o do audiovisual árabe que garda similitudes co de Galicia, que hoxe vive un excelente momento de forma. 

 

CARTEL AMAL23

 

“Dentro da cinematografía árabe houbo un antes e un despois grazas á revolución dixital. Nos 80 era un cine máis rudimentario, máis de guerrilla, parecido ao galego, cando os Coira eran novos ou cando anda por aí Antón Reixa, que sacaban adiante proxectos cunha cámara e moita ilusión. Pero houbo unha xeración de realizadores árabes que se formaron en Europa, que se sumaron á revolución das cámaras pequenas, o que permitía facer pelis con orzamentos baixos”, comenta Jaber, que compaxina as súas responsabilidades no AMAL co seu traballo de produtor e guionista en CTV Producións Audiovisuais, unha das responsables desta gran onda do audiovisual galego. 


O cine árabe defíneo como “un cine maduro, próximo á súa realidade social” que está a buscar, como as súas culturas, o seu propio camiño. “O mundo árabe non se quere parecer a Occidente, quere buscar o seu sitio cun progreso que respecte a súa tradición e a súa forma de ser. Moitas veces entendemos a modernidade como aquilo que se parece a nós, e non é ese o camiño”, reflexiona. 

 

Jaber regresa ao cine para explicar este punto e saca á palestra o feminismo que ofrece o documental ‘Nearby Sky’, que relata a historia de Fatima Ali Alhameli , unha muller dos Emiratos Árabes Unidos que se enfrontou ás regras do país para ser a primeira muller en concursar co seu camelo nun concurso de beleza, “o equivalente ao noso Miss Vaca”. “Elas non queren vestir de Zara, reivindican outras cousas e outras conquistas para as mulleres”, sopesa.
 

“O DE ISRAEL E PALESTINA ES UN BARÇA - MADRID”

No entanto, Jaber recoñece que episodios como o de Gaza levan a moitas persoas a interesar máis por este mundo, buscando “referencias que poidan facerlles entender”, aínda que unha persoa con sangue palestino como el pode aventurar, por experiencia, como vai ser o desenvolvemento da guerra: “Vai haber unha gran masacre, haberá bombardeos, a comunidade internacional non fará nada, e dentro dunha semana ou nuns meses Instagram do que estará cheo será de polémicas sobre quen representará a España en Eurovisión. Esquecémonos do que ocorreu en Gaza. Ata que en seis anos volva ocorrer o mesmo e volvámonos a situar todos”. 

 

O conflito en Palestina é como un Barça - Madrid: todos teñen que escoller un bando, aínda que non entenda ben o que pasa, e si estás cun é que odias ao contrario. Non se pode condenar a violencia das dúas partes, porque é un conflito moi arraigado, moi longo”, desenvolve Jaber. 

 

Nese sentido, considera que a explicación, aínda que algúns queiran complicala, é moi sinxela, porque condenar a Israel non significa necesariamente adoptar posturas antisemitas. “Primeiro hai que definir o que é ser semita, que son os pobos e culturas que ascenden de linguas semíticas. Linguas como o árabe ou o hebreo. Os árabes tamén son semitas. O castigo á poboación árabe tamén é antisemitismo”. 

“O conflito en Palestina é como un Barça - Madrid: todos teñen que escoller un bando, aínda que non entenda ben o que pasa, e si estás cun é que odias ao contrario"

 

Por ese motivo, por ese afan de aclarar conceptos, o AMAL arrinca o vindeiro luns 23 de outubro cunha charla centrada no conflito palestino israelí, que contará coa xornalista Esther Rebollo e o economista Jesús Núñez, patrón da Fundación Araguaney e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, ademais de cunha figura que desde a organización aínda se resisten en revelar pero que é “unha persoa de relevancia que coñece ben o conflito en Oriente”. 
 

 

“Moita xente ten dúbidas sobre o que está a ocorrer. Nós, con 21 anos ás costas, non podemos esquivar esa responsabilidade de tentar ofrecer respostas”, declaran desde a organización. En opinión de Jaber, o conflito transcende moito máis alá de ser unha guerra de relixións. “Agora culpan a Hamás, que xorde da opresión. Pero e cando non estaba Hamás? Cal era o pretexto? Non é un conflito de hai oito meses, leva máis de 75 anos sobre o territorio, que empezou cun grupo de europeos que decide dar unha terra que non lles pertence a outro grupo de europeos cunha determinada relixión, non a unha etnia, exercendo un colonialismo como o de toda a vida”, expón. 

 

Os LINDES, UN PROBLEMA UNIVERSAL

“O sionismo é un movemento político, non relixioso”, sentenza Jaber, que trata de explicar o que ocorre nos territorios ocupados cunha similitude clara con Galicia. “Gaza ten o tamaño de Vilalba. Imaxina meter nese concello a toda a poboación de Galicia rodeada por un aramado. Se xa en Galicia habemos visto que por mover un marco pódeche pegar un tiro o teu veciño, imaxina que no canto de moverche o marco quítache a terra. A reacción lóxica, e os galegos entendémolo, é a de revelarche contra o ocupante”. 

 

Desde xaneiro até a barbarie de Hamás, Israel asasinara a 295 palestinos. Pero cando é un palestino o que mata a un israelí é cando salta a noticia. Até entón parece que todo o mundo vivía ben en Gaza, cun pobo encerrado con cortes de subministracións”, reprende Jaber, que cualifica de “acto de guerra, tal e como o definen as leis internacionais” o tratamento de Israel ao pobo palestino “durante os últimos 16 anos”. Por iso, Jaber pide coherencia á comunidade internacional e que sancione a Netanyahu como se sancionou a outros políticos por crimes de guerra e por vulnerar o dereito internacional.  

"Se xa en Galicia habemos visto que por mover un marco pódeche pegar un tiro o teu veciño, imaxina que no canto de moverche o marco quítache a terra. A reacción lóxica, e os galegos entendémolo, é a de revelarche contra o ocupante"

 

En Galicia as manifestacións celebradas esta semana en defensa de Palestina foron multitudinarias, o que reforza o sentimento prol Palestina que existe en España e outras nacións. Para Jaber, até agora a resposta internacional, mesmo dos propios países árabes, foi moi morna, con “comunicados de chamamento á paz e ao diálogo”, pero sempre “desde o medo á reacción de países máis poderosos como Estados Unidos”. “Os palestinos non interesamos nin a uns nin a outros. A xente pode crer que por ser árabes todos somos iguais. É igual un raparigo de Cádiz que un de Oslo? Somos todos europeos? Si. Pero, en que se parece un andaluz a un dos fiordos?”, cuestiona.

 

 

“TIÑA ESVÁSTICAS NA miña PORTA EN MADRID”

Crecer en España nos 80 cun nome tan exótico como o seu non foi sinxelo, polo que Jaber sufriu o racismo nas súas propias carnes. Un dos proxectos nos que está a traballar, a serie ‘Islamización’, ten moito de autobiografía, pero desde unha perspectiva humorística. “Eu síntome galego, pero polo meu nome, cando fun estudar a Madrid tiven que saír de alí porque me atopaba esvásticas na miña porta na miña residencia. Pero ti ves o meu acento?”, recueda Jaber, con ese deixe tan propio da nosa comunidade. 

 

“En Galicia hai de todo, pero moito descoñecemento. O racismo ten esa base: a ignorancia e a manipulación dos medios. Iso o que nos leva é que se apuñale a un neno palestino de 6 anos en Chicago. Se soltas nos medios que Palestina é o inimigo…hai moito tolo solto. Igual que si xustificas os bombardeos de Israel corres o risco de que un tolo, en nome do islam, pegue tiros nunha sinagoga. Se xustificas o odio con certos discursos o que consegues é que o odio se estenda”, apostila. 
 

Para moitos, Jaber será visto como un palestino, algo que leva con orgullo e co que está moi comprometido. De feito, a Fundación Araguaney está a estudar a posibilidade de “abrir unha vía de axuda” ás vítimas do conflito, pero confesa que isto pillounos co pé cambiado e que, sen importar o contexto, o envío de axuda á Franxa nunca é sinxelo polo estrito control que Israel exerce sobre todo o que tenta cruzar a fronteira. 
 

“Queremos axudar na reconstrución de escolas ou na construción de campos de fútbol para que os nenos poidan ser nenos. Pero en Gaza é difícil entrar con axuda. Se levas un caderno e ceras de cores e dinche que as cores non, que poden ser armas. Claro, porque coas cores podes plasmar o que imaxinas, como unha Palestina libre, e iso é perigoso para o exército israelí”. Un mundo sen aramados. En días como hoxe, até imaxinalo resulta difícil.  


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE