Impactos económicos e vulnerabilidades do COVID-19

Fernando González Laxe

Catedrático de Economía Aplicada pola Universidade da Coruña (UDC). Expresidente da Xunta de Galicia (1985-90), exsenador das Cortes Xerais e exparlamentario do Parlamento de Galicia. 

Dise que o mundo podería recuperar a súa rutina anterior á crise do COVID-19 ben entrado o 2021. Cales serán, entón, os efectos que ocasiona. Imos centrar en varios apuntamentos.

A pandemia afecta tanto á oferta como á demanda. Á primeira a disloca, na medida que os peches suspenden de raíz a subministración de bens comerciais e as compras en moitos segmentos, afectando directamente as cadeas globais de valor. Iso terá consecuencias sobre a actividade económica ao longo do primeiro semestre deste ano. Doutra banda, ao estar confinados nos fogares redúcese a demanda de moitos bens co que as compras se esborrallan. E, loxicamente, as empresas ven afectadas.


Rexístrase , así mesmo, unha perda moi avultada da riqueza financeira. É probable que moitos fogares e empresas queden pronto sen diñeiro; o que lles fai depender dos aforros líquidos. Noutros supostos, é difícil paliar a situación ao estar moi endebedados. Aquí, o problema radica nas situacións que se derivan nos supostos en que as persoas se negasen a vender a empresas que consideran potencialmente en quebra, a menos que poidan pagar por adiantado. Igualmente, é fácil pensar que xurdan dúbidas sobre o sistema financeiro e o seu comportamento, á luz do acontecido en 2008. Non está en cuestión a solvencia, senón a liquidez e os seus procedementos


A experiencia das anteriores recesións fai pensar que os bancos centrais han de poder garantir a liquidez, mantendo baixos os custos de financiamento e financiando a subministración do crédito, tanto directamente como indirectamente. De aí, a rapidez e a lentitude duns e outros.


Os efectos son, pois, globais; e ningún goberno por se só podería facer fronte a iso. Pero, tamén é certo, que as solucións responden, nun primeiro termo, máis a criterios e recomendacións nacionais que globais. Europa non estivo á altura das súas responsabilidades. Só o BCE, aínda que tarde, reaccionou para abordar os efectos desta pandemia coa súa “bazuca económico”, cifrado en 750 millóns de euros.


Os escudos ante esta pandemia son de tres tipos: de índole médico-sanitario; de ámbito 

.

empresarial; e de orde social. Cada un deles contempla multitude de casuísticas e excepcionalidades, tal e como vimos coas recentes disposicións do Goberno de España e da Xunta de Galicia. Pero, hai uns asertos que aprendemos das situacións anteriores: hai que tomarllo en serio porque é un gran desafío nacional e global; e, en consecuencia, en período de guerra contra un virus e de excepcionalidade temporal, os gobernos deben gastar sen contención, mobilizando os recursos necesarios para previr un desastre, polo que as límites do déficit e débeda deixarán de ser un tabú económico e político. É dicir, non caer, de novo, na trampa da austeridade e do rigor contable.


Os obxectivos son varios: a) frear a propagación; b) estirar os períodos de control da poboación ao longo dos meses; c) gañar tempo para descubrir unha vacina; d) evitar o colapso sanitario para que poidan ser atendidos os máis posibles afectados.

Mentres tanto, a nosa misión será poder garantir, ao mesmo tempo, o peche da vida pública con que o Estado siga funcionando; que as subministracións sigan asegurados; e preservar o máximo da actividade económica como sexa posible, reducindo ao mínimo o risco das persoas.


Non cabe dúbida que os efectos van ser elevados. Xa se empezan a estimar escenarios prospectivos. Por exemplo, a consultora Oliver Wyman describe tres: o primeiro que a epidemia dura entre 3-4 meses; o segundo que teña unha vixencia de entre seis meses e un ano; e o terceiro que se poida estender máis dun ano. Pola súa banda, a firma IHS Markit prognostica unha caída do 1,5% do PIB real da zona euro para o ano 2020, antes de iniciar a recuperación no ano 2021. E, o banco alemán, Deutsche Bank, cifra un panorama máis desolador, ao vaticinar que o PIB da zona euro podería contraerse preto do 24% no segundo semestre do ano. Fronte a estas cifras pesimistas, Goldman Sachs augura, para despois da crise, un forte rebote no ano 2021, onde prognostica unha alza do 4,3% para o PIB español, moi por encima das anteriores previsións macro-económicas elaboradas polo Goberno, que as cifraba no 1,7%.


En suma, coidarvos e moita paciencia. Cando falo de paciencia, haberá que incluíla como un valor mensurable dentro do PIB?



Articulo publicado inicialmente na web do Eixo Atlántico

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE