Coronavirus: 8 mortos en Galicia, incluído un maior ao que visitou unha persoa de Madrid, que deu positivo
Redacción |
Venres, 20 de Marzo de 2020, 17:29
O COVID-19 séguese cebando coas persoas de máis idade. Polo menos dous faleceron hoxe, nos hospitais de Ourense e Monforte. O falecido máis novo por agora en Galicia é un home de 45 anos na Coruña.
Punto de recollida de mostras en test de coronavirus instalado no hospital CHUO de Ourense nunha foto do SERGAS
En concreto, á primeira hora da mañá coñecíase a morte de un home de 89 anos de idade que estaba ingresado no Hospital de Monforte (Lugo) e que presentaba múltiples patoloxías complexas previas. O home, era veciño do municipio lucense de Chantada e recibira recentemente unha visita dunha achegada de Madrid, que deu positivo ao virus tamén.
SEPTUAXENARIO MORTO NA CORUÑA
Tras iso transcendeu a morte doutro home, neste caso de 70 anos e tamén con varias patoloxías previas, que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).Ademais, o xoves, coñecíase o falecemento da quinta vítima mortal, un home de 75 anos que tamén estaba ingresado no CHUAC e que presentaba varias patoloxías crónicas previas. Pola súa banda, a cuarta rexistrouse o mércores 18 de marzo, xornada na que faleceu un home de 72 anos tamén ingresado na Coruña.
Previamente, a terceira vítima mortal en Galicia foi un home de 45 anos de idade que contaba, así mesmo, con patoloxías previas e que tamén estaba ingresado no Chuac.
Antes faleceu un home de 81 anos con varias patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira morte en Galicia foi a dunha muller de 92 anos, con múltiples patoloxías previas, que estaba ingresada no centro de Povisa, en Vigo.
Escribe o teu comentario