Probable primeiro caso de coronavirus en Lugo, un veciño de Foz ingresado
Un home está ingresado no hospital HULA de Lugo, procedente de Foz, dá positivo na primeira análise do SERGAS, a espera da ratificación desde o Ministerio. O alcalde está preocupado porque a súa familia "fai vida no pobo".
Ares atendendo hoxe á prensa
O home ingresado no Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA) de Lugo en estudo como posible caso de coronavirus, á espera da confirmación de resultados por parte do Centro Nacional de Microbiología de Madrid, é un veciño do municipio lucense de Foz.
O xerente do Hospital Universitario Lucus Agusti, Ramón Ares, confirmou este martes que se "estuda" o caso dun home posiblemente afectado polo coronavirus, pero insistiu en que a situación "é unha situación tranquila".
"Hai un caso en estudo e a Consellería (de Sanidade) é a que informa dos casos, que non é o hospital e por respectar a lei de datos tampouco podemos dar datos de pacientes", matizou. Unicamente sinalou que o paciente se atopa "estable".
"Estamos preparados, de acordo a todos os protocolos que ten definidos o Ministerio (de Sanidade), a Consellería e a Dirección Xeral de Saúde Pública", sinalou o xerente do HULA.
CHAMAMENTO Á TRANQUILIDADE
Tamén aproveitou para transmitir "tranquilidade á poboación, coas medidas que trasladan de ter coidado, fundamentalmente, cos contactos". "Estamos a falar dunha situación que afecta a determinadas persoas en contacto con determinadas zonas, pero a situación é normal", subliñou.
"O que está a traballar é o servizo de vixilancia epidemiolóxica e o servizo de medicina preventiva, pero é a Consellería a que dá información destes casos", insistiu.
O ALCALDE, PREOCUPADO
Pola súa banda, o ex alcalde de Foz Javier Castiñeira confirmou que se trata dun veciño deste municipio "e está por valorar unha segunda impresión (sobre o positivo), pero si é certo que esa situación é complicada para o pobo".
"É unha familia que fai vida no pobo (Foz) e hai certa incerteza nese sentido. Hai que pedir calma, pero si é certo que se se nos instala na Mariña é un foco máis que complica a vida social do pobo, aínda que é certo que confiamos nas autoridades en xeral", concluíu.
Escribe o teu comentario