Primeiro caso de coronavirus confirmado en Galicia case un día despois dos primeiros rumores
Fuentes médicas do CHUAC consultadas por Galiciapress indican que as primeiras informacións ao persoal sobre o positivo chegaron onte martes ás seis da tarde. Case 24 horas despois o Goberno confirmou a noticia, tras saltar os primeiros rumores esta mañá aos medios coruñeses, que falaban dunhas primeiras análises non concluíntes.
As análises realizadas a un paciente procedente de Madrid e que permanece illado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) confirman a infección por coronavirus, primeiro caso positivo confirmado en Galicia.

As análises realizadas no Servizo de Urxencias do CHUAC, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, a un paciente procedente de Madrid, ao parecer a unha entrevista de traballo, confirman a infección por coronavirus dun home de 49 anos que se atopa illado no hospital, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Trátase do primeiro caso positivo confirmado en Galicia, informa a Xunta.
A Dirección Xeral de Saúde Pública di que está a seguir o protocolo e xa iniciou o estudo de contactos para determinar as medidas necesarias que permitan previr novos contaxios.
Segundo informaron a Galiciapress fontes médicas do CHUAC, o paciente está illado na planta 11 de infecciosos, ao parecer cunha dobre pneumonía. Tamén confirmaron que xa onte realizóuselle análise de coronavirus.
Esas fontes médicas do CHUAC consultadas por Galiciapress indican que as primeiras informacións ao persoal sobre o positivo chegaron onte martes ás seis da tarde. Case 24 horas despois o Goberno confirmou a noticia, tras saltar os primeiros rumores esta mañá aos medios coruñeses, que falaban dunhas primeiras análises non concluíntes.
As mesmas fontes indican que o paciente ten un cadro complicado, polo que en principio non son moi optimistas sobre a súa evolución.
A delegada de Comisións Obreiras de Sanidade en Galicia confirmou que 11 traballadores do SERGAS están illados nas súas casas tras ter contacto co paciente. Son o médico que o atendeu e unha decena de traballadores de diversas categorías profesionais, segundo Emilia Lama.
A Xunta prevé dar unha rolda de prensa para explicar máis detalles esta tarde.

Escribe o teu comentario