Activistas acusan á Xunta de mentirlle á ONU e Bruxelas para protexer á mineira de San Finx
Tahoces, o director xeral de Minas imputado pola Xustiza sobre esta mina de Lousame, remitiu informes con datos falsos segundo ContraMINAcción
A Rede Contra a Minaría Destrutiva na Galiza, ContraMINAcción, acusa á Dirección Xeral de Enerxía e Minas de remitir informes con "información falsa" a diversos órganos da ONU e ao Parlamento Europeo sobre a orixe e o estado da mina de San Finx, no concello coruñés de Lousame.
Tahoces
A plataforma denunciou este xoves nun comunicado que o informe remitido á ONU pola Xunta de Galicia en 2018 asegura o "irrefutable carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior" da mina de San Finx.
Con todo, ContraMINAcción asegura que esta información é falsa e que en 1928 e 1939 as concesionarias mineiras construíron sobre o leito do río "dúas presas de decantación de lodos mineiros" para leste.
Ademais, un documento de Augas de Galicia --institución tamén dependente da Xunta-- de abril de 2019 conclúe que "a xestión, explotación e mantemento de dúas presas era realizada pola empresa mineira" e que "o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga". Así, refutan a afirmación feita por Minas.
O mesmo informe de Augas de Galicia continúa asegurando que "debería considerarse a demolición" das presas e "proceder á restauración ambiental da zona afectada".
ORIXE DOS METAIS PESADOS
ContraMINAcción baséase neste documento para asegurar que a Xunta mentiu e que era e é coñecedora da "situación de contaminación" pero que, en lugar de "recoñecela", négaa "" e achaca os altos niveis de metais nestas presas a causas "naturais" do chan.
Neste sentido, Minas baseouse nun estudo asinado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Felipe Macías para confirmar que "o fondo natural de metais" na presa impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias.
Esta postura négana os ecoloxistas, que utilizan un informe da Universidade da Coruña no que se "evidencia que a contaminación por metais pesados prodúcese como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira" e non pola propia natureza do chan.
As afirmacións de ContraMINAcción danse nun contexto no que está aberto un proceso xudicial por un posible delito de prevaricación ambiental nesta mina. De feito, o director xeral de Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, está chamado a declarar neste caso polo xulgado de instrución número 2 de Noia.
Escribe o teu comentario