Armesa pon fin á súa actividade debendo varias mensualidades aínda tendo con "carga de traballo" suficiente
Traballadores da empresa de carpintería metálica Armesa protestaron este xoves ante a sede en Santiago de Compostela contra o peche da compañía, que supoñerá o despedimento de 15 empregados.
Baixo unha pancarta na que se podía ler 'Armesa, pagade vos obreiros', os traballadores demandaron tamén que se lles abonen as nóminas que se lles debe dos meses de novembro e decembro, así como a paga extra de Nadal.
O representante sindical dos traballadores de Armesa, Martín Bautís, explicou que hai unhas semanas a empresa decidiu iniciar un ERE extintivo, que supoñerá o fin da actividade o próximo 4 de xaneiro, co despedimento dun persoal que na súa maioría son homes maiores de 45 anos de difícil empregabilidade posterior.
"Non sabemos os motivos", queixouse este representante sindical, que asegura que a compañía conta con "carga de traballo" suficiente para garantir a continuidade, pero recrimina que os despedimentos obedecen unicamente a que os administradores "queren pechar".
De feito, reprochan que os responsables da empresa rexeitaron todas as alternativas que se ofreceron para manter a actividade, como a creación dunha cooperativa de traballadores ata unha posible compra por parte de terceiros. Por todo iso, os traballadores seguirán mobilizándose ata que cobren as cantidades que lles deben.
Escribe o teu comentario