O 18 de xaneiro asignaranse máis de 40 novas farmacias entre máis de 600 candidatos
Un complexo proceso que antes podía durar meses agora preténdese resolver nun só acto a principios do ano próximo
A Consellería de Sanidade celebrará o próximo 18 de xaneiro un acto público de adxudicación das 41 novas oficinas de farmacia, nunha cita á que se convoca aos 604 candidatos co fin de axilizar un proceso que noutras ocasións podía durar meses.
O acto será a partir das 9,00 horas no salón de actos do edificio administrativo do Sergas, en San Lázaro (Santiago), tal e como indica este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Sanidade informa de que retoma este procedemento despois dos recursos de alzada que se interpuxeron fronte ás listas definitivas, coñecidas en novembro de 2018.
Esta é a primeira vez que convócase a todos os candidatos nun acto público único para a elección de farmacia. A Xunta subliñou que isto "permite axilizar" o proceso, mediante o cal cada solicitante escollerá, por orde de puntuación, a oficina que quere.
A cualificación de cada concursante é froito dunha reforma que busca "garantir uns criterios obxectivos" de selección, entre os cales a experiencia laboral pasa a ter o dobre de peso. A lista, coa puntuación obtida por cada un, pode consultarse desde este venres na páxina web do Sergas.
Escribe o teu comentario