Segue a alerta por posibles inundacións en seis ríos e tres concas
Non para de chover -e non parará o luns- e o caudal dalgúns ríos empeza a complicar a circulación nalgunhas zonas da Coruña e Lugo, principalmente
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) aínda mantén activa unha alerta por posibles desbordamentos de varios ríos das provincias da Coruña e Lugo, debido ás abundantes choivas rexistradas ao longo da fin de semana.
En concreto, segundo Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, continúan en aviso desde o venres a contorna dos ríos Ouro, Ladro, Eume, Xallas, Umia e Verdugo; así como as concas do Tambre, Ulla e Mandeo. Nestes espazos espéranse "aumentos das canles" e mesmo "pequenos desbordamentos puntuais".
En previsión deste fenómeno, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activado o plan especial para o risco de inundación.
CONSELLOS
Así, o 112 Galicia recomenda aos cidadáns que, ante un posible crecemento dos caudais, abandonen calquera actividade realizada no curso dos ríos, retiren os vehículos destas zonas e non tenten cruzar pontes. Ademais, en caso de inundacións en vivendas, a Axega recomenda acceder á parte máis alta do inmoble en busca de protección.
Neste contexto, o 112 Galicia xa desactivou a alerta, procedente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que advertía dun eventual crecemento do caudal do río Arnoia en Baños de Molgas (Ourense). Segundo fontes da central de emerxencias, non se produciron incidentes destacados no municipio.
Escribe o teu comentario