O "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos desata unha rifa no Parlamento

Rifa entre o PP e a oposición con reproches cruzados de "mafia"

|

O PP defende o proxecto do presidente do Celta alegando que as urnas ratificaron a idea ao ser reelixida a alcaldesa nas municipais. 


O Partido Popular de Galicia defendeu que a construción da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo no Concello de Mos (Pontevedra) "foi referendada" polos veciños do municipio nas pasadas eleccións locais, gañadas pola alcaldesa popular Nidia Arévalo, e que foron "un referendo" sobre o proxecto, segundo o deputado do PP Alberto Pazos Couñago.


Mouriño mos alcaldesa

O presidente do Celta asinando o acordo para a Cidade Deportiva coa alcaldesa de Mos




UN DEBATE MOI BRONCO

O debate dunha proposición non de lei sobre o proxecto, finalmente rexeitada polos votos do PP, derivaron nun cruzamento de reproches que obrigou a intervir ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, que convidou a Pazos Couñago a retirar unhas palabras da súa intervención tras acusar á oposición de empregar "métodos propios dunha organización criminal".

"Non a retiro. Defendereina aquí e nos xulgados", manifestou a continuación o deputado popular, que, xusto antes, asegurara que a oposición ao PP en Mos "inventouse unha empresa municipal de augas" para remitir cartas aos veciños durante a campaña electoral das pasadas municipais nas que avisaba dunha subida na factura.


ACUSACIÓNS DE MAFIA

O deputado de Común da Esquerda Antón Sánchez (encargado de defender a iniciativa sobre a que se debatía) afeou a Pazos Couñago que atribuíse "aos veciños que se mobilizan contra o proxecto métodos dunha organización criminal". "E vindo iso do partido dos papeis de Bárcenas, do partido que foi cualificado polos tribunais como unha organización criminal", espetou Sánchez


Durante a defensa da iniciativa, Sánchez criticou que o goberno local que encabeza a alcaldesa Nidia Arévalo "queira coar" unha "revisión completa" do plan de ordenación urbanística como "unha modificación parcial", todo para "expropiar" os terreos e "entregarllos ao señor Carlos Mouriño, amigo do Partido Popular", en referencia ao presidente do Celta.

Para o tamén portavoz nacional de Anova, trátase dunha operación "ao estilo da Marbella de Jesús Gil" que o concello entregará ao Celta "a través dun concurso público amañado". "Os pregos (do concurso) vai escribir o propio señor Mouriño", apostilou Sánchez, que asegurou que existen "alternativas" para non situar a cidade deportiva do Celta, proxecto que inclúe a construción dun centro comercial, en terreos urbanizables non desenvoltos.

PARTIDO POPULAR
Na súa intervención, Pazos Couñago (PP) reclamou "respecto" para o goberno e os veciños de Mos "que non se resignan a darlle servizos á gran cidade", en referencia a Vigo. A continuación, defendeu que a modificación do PXOM aprobada polo pleno de Mos "respecta escrupulosamente a lei" e que o proxecto construtivo da cidade deportiva do Celta "será fiscalizado pola Xunta".

"Se non se cumpre a legalidade, non se construirá", subliñou o deputado popular, que puxo o foco na existencia de "informes" que avalan o proxecto. "Informes tamén había na Marbella de Jesús Gil", respondeu Antón Sánchez na quenda de peche da iniciativa.  

 

RESPOSTA DA OPOSICIÓN

O resto dos grupos da oposición sumáronse ás críticas cara ao proxecto, que tacharon de "cacicada" e "pelotazo". En palabras de María Pierres (PSdeG), a oposición "logrou frear" o pasado ano a modificación da Lei do Solo a través da lei de acompañamento dos orzamentos coa que o Goberno galego "quería" facilitar a construción da cidade deportiva.

Luís Bará (BNG) incidiu en que existen informes de órganos dependentes da Xunta, como o Instituto de Estudos e Territorio, que "cuestionan a área comercial" incluída no proxecto, de cuxa "afectación" ás augas tamén recela, segundo o deputado nacionalista, a Confederación Hidrográfica Miño Sil.

Por último, o parlamentario do grupo mixto Davide Rodríguez alertou que "a maior parte do monte caería en mans privadas" se o proxecto leva a cabo e que "a rendibilidade" do espazo quedaría reservado "ao lucro persoal" das multinacionais. "E isto dívolo un seguidor celeste", apostilou Rodríguez.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE