Plataforma contra os parques eólicos pide unha "reunión urxente" cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos de Ordes
A 'Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas' reclama unha reunión cos gobernos de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo co fin de transmitir a reocupación dos veciños ante a "inminente saída a exposición pública" dunha serie de proxectos eólicos e liñas de alta tensión na zona.
A 'Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas' reclama unha reunión cos gobernos de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo co fin de transmitir a reocupación dos veciños ante a "inminente saída a exposición pública" dunha serie de proxectos eólicos e liñas de alta tensión na zona.
Protesta dos veciños contra os eólicos
A plataforma considera "fundamental" poder compartir cos concellos as impresións dos veciños e "levar a cabo unha firme oposición ás intencións empresariais de colocar megamolinos de vento e novas liñas de alta tensión de evacuación eléctrica que atravesarán a comarca". Uns veciños que xa se empezaron a manifestar colocando pancartas onde mostran a súa desconformidade aos proxectos eólicos.
Nesa mesma liña pide "responsabilidade" aos alcaldes e que se manteñan "firmes na declaración institucional asinada o ano pasado" ao considerar a implantación dos eólicos contrarios aos intereses socioeconómicos da zona. A Rede aproveita para arremeter contra Green Capital Power, promotora do parque eólico de Atardecer e dunha nova liña de evacuación na comarca, cuxa actitude consideran que "non é de recibo".
"Tras as reunións mantidas en Mercurín e en Buscás hai varias semanas entre representantes da empresa promotora e os veciños e veciñas das zonas afectadas, a Rede ve con moita preocupación que se pretenda converter a comarca de Ordes en zona de experimentación de toda España sen ningún tipo de garantías para a saúde nin para o medio e o futuro da xente que vive no rural, tendo en conta que a propia empresa anunciou que pretende instalar muíños de vento de 200 metros de altura a 500 metros das casas, unhas dimensións das que non hai precedentes en todo o Estado español ata o momento, pois todos os que están en funcionamento son menores", advirte a plataforma, que pon a lupa na repercusión que estes muíños terían na economía local, apoiada na gandería e a agricultura, e o turismo, pola proximidade dos mesmos ao Camiño de Santiago.
"Non nos opoñemos á enerxía eólica, pero si a que se coloquen muíños en zonas non acomodadas para iso", argumenta a plataforma, que incide en que as administracións deben ter "sentidiño" antes de levar a cabo estes proxectos.
Escribe o teu comentario