STEG chama a 30.000 docentes a participar nas 48 horas de paro na folga do 28 e 29 de outubro
O sindicato convoca mobilizacións ante a Consellería de Educación e as súas sedes.
Nun comunicado, a organización sindical explica que o obxectivo desta mobilización é reclamar a redución da carga lectiva do profesorado de Secundaria e Formación Profesional (#FP), "que está por encima da da maioría das comunidades autónomas", até as 18 horas lectivas semanais, e do de Primaria até as 21 horas.
As demandas dos docentes, engade, inclúen tamén a diminución "inmediata e real, sen excepcións, do número de alumnado por grupo, para poder garantir unha atención educativa de calidade". Así mesmo, piden o aumento da contratación de profesorado especialista na atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
Ademais, entre outras cuestións, solicitan a recuperación salarial das perdas acumuladas nos últimos anos e do cobro dos meses de verán por parte do profesorado substituto. "Este dereito do profesorado interino a non ir á rúa a finais de curso vén sendo vulnerado desde 2013 a través da lei de acompañamento dos orzamentos de Galicia, unha anomalía única no estado español", apunta STEG.
PROTESTAS
Por todo iso, STEG acordou coa CIG a convocatoria de distintas mobilizacións durante as dúas xornadas da folga. O martes 28, está prevista unha acción simbólica de protesta, na que o profesorado rodeará de cabazas a sede da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela.
O día seguinte, o corpo docente galego está chamado a participar nas manifestacións que terán lugar nas catro capitais de provincia galegas, que terminarán diante das direccións territoriais da Consellería de Educación. Todas comezarán ás 11.30 horas.
Escribe o teu comentario