Os nenos que non saben falar nada ou pouco galego son xa o 24%

Case a metade dos menores de 15 anos fala só castelán nun retroceso xeneralizado do galego nas novas xeracións

|

Os datos do IGE sobre o uso do idioma propio debuxan un panorama de contrastes. Mentres o  galego mantense entre a poboación adulta en termos xerais, é evidente que está a perder a batalla entre os mozos, tamén na internet e nas redes sociais


Un de cada catro nenos galegos sabe falar pouco ou nada de galego, nunha taxa que se incrementa máis de sete puntos na última década, ao pasar do 16,4% de 2008 ao 24% de 2018, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).


Queremos galego. Temos lingua propia

Mobilización de Queremos Galego  ||  Flickr r CC BY-SA 2.0



A FAMILIA RETROCEDE COMO ÁMBITO DE APRENDIZAXE DO IDIOMA PROPIO

Entre os menores de 15 anos, un 38% sabe falar moito o idioma propio de Galicia, o que supón un retroceso de sete puntos en 10 anos (era do 45% en 2008). É a cifra máis baixa por tramos de idades, 20 puntos menos da media xeral na Comunidade (do 57,6%). Ademais, a porcentaxe de nenos que saben falar pouco ou nada (o 24%) supón o dobre que en toda a poboación (12%).

Aínda que o 83,4% dos galegos di aprender o galego en casa, entre os menores de 30 anos invírtese esta tendencia, posto que a escola (o 93,73%) supera o ámbito de aprendizaxe da familia (69,99%).


O MONOLINGÜISMO EN CASTELÁN AVANZA ENTRE OS MOZOS

O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente tamén en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán, de forma que se dispara case 15 puntos nunha década (era do 30% en 2008). Os que falan sempre en galego baixan un punto e quedan no 14%.


No total da poboación, unha 24,4 fala sempre en castelán (catro puntos máis en 10 anos), mentres unha 30,6% fala sempre en galego (mantense estable). Caen cinco puntos os que falan máis galego que castelán ata o 21,7%, mentres soben ata 23,3% os que falan máis castelán que galego.

ÁMBITOS DE USO DO IDIOMA
O 44,34% da poboación de Galicia que ten fillos fálalles en galego sempre, o 31,20% sempre en castelán, o 13,85% máis castelán que galego e o 9,50% máis galego que castelán. No tocante aos fillos, cabe destacar que ao redor da 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e ao redor do 37% sempre en castelán.


COS XEFES, MÁIS CASTELÁN

No traballo, o 30% da ocupados fala sempre en galego cos compañeiros e o 28% faio sempre en castelán. Con todo, á hora de manter unha conversación con superiores os que empregan sempre o galego descenden ao 25% e os que usan o castelán soben ao 35,4%.

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,12% da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego neste caso. Con todo, o 39,4% comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,07% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.


O GALEGO É MINORITARIO NAS AULAS UNIVERSITARIAS

No campo educativo a utilización de ambos os idiomas, galego e castelán, é bastante parella: o 59,57% das persoas que estudan en Galicia recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán. Con todo, os maiores de 17 anos reciben unha educación maioritariamente en castelán nun 41,6%, fronte ao 15,8% que é maioritariamente en galego.

No tocante aos medios, o 83% dos maiores de 16 anos ve sempre a televisión en castelán ou máis castelán que galego. Esta taxa elévase en ler libros (95%), navegar por Internet (96%) e ler prensa (97%). Na redes sociais só hai un 26% que usa sempre galego ou máis galego que castelán.

En 2018 no 22,70% dos fogares galegos con todos os seus membros de cinco ou máis anos falaban habitualmente só en galego. Esta porcentaxe sobe ata o 45,7% nos municipios de menos de 10.000 habitantes, mentres baixa ao 5,7% nos de máis de 50.000 persoas.

XEOGRAFÍA DO EMPREGO DO GALLEGO
Por ámbito xeográfico, as áreas da Coruña suroriental e da Costa da Morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, cun 93,14% e un 92,43%.

No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 25,5% de persoas que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, a área da Coruña (un 33,55%) e a área de Ferrol-Eume-Ortegal (un 33,75%).

Entre as sete cidades, onde hai unha porcentaxe maior de persoas que fala habitualmente en galego é Lugo (o 44,7%), mentres onde menos se emprega é en Vigo (o 15,2%).

ESCRITURA MAIORITARIA EN CASTELÁN
Á hora de identificar o uso do idioma escrito, o castelán mantense como predominante de forma acusada, supón o utilizado polo 82,11% da poboación, fronte ao 16,6% que o fai en galego (o 1% restante está no apartado doutras situacións).

Se se comparan estes datos coas persoas que falan habitualmente galego, identifícase que hai un 63,8% deles que escriben habitualmente en castelán e só un 36,2% en galego.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE