(VÍDEO) Riazor baila esta tempada ao ritmo de Diego Tristán e Boyanka Kostova
A canción do grupo santiagués acumula miles de reproducións en Youtube e pode converterse nun novo himno da afección branquiazul.
A canción do grupo santiagués acumula miles de reproducións en Youtube e pode converterse nun novo himno da afección branquiazul.
Boca Juniors e ‘A man de Deus’, Atalanta e ‘Baila como o Papu’, o Real Madrid e ‘Karim Benzema’ de Afrojuice…O fútbol e a música camiñan da man con ritmos de todos os estilos e para todas as cores. Os ídolos de onte e hoxe teñen o seu oco tamén en Spotify e o último en chegar foi un dos mellores noves que xamais vestiu a elástica do Deportivo da Coruña…e se non dos mellores, polo menos dos máis carismáticos e queridos: don Diego Tristán.
E todo grazas a Boyanka Kostova, os máximos expoñentes –e practicamente inventores– do trap galego. O dúo santiagués acumula miles de reproducións na rede cos seus sinxelos infestados de letras vacilonas, sementadas de retranca e infestadas de referencias ao rural e a cultura galega. Pero sobre todo son cancións sen complexos, capaces de sacar un sorriso e conseguir que un mova os pés ao mesmo tempo.
Inevitablemente, o SuperDépor é unha desas referencias a Galicia e Diego Tristán uno dos integrantes máis estrañados dese equipo irrepetible. Cibrán García (Saibran Yiyi) e Rizo (Ou Rizo do Funk), alfa e a omega de Boyanka Kostova, decidiron homenaxear ao dianteiro sevillano polos seus logros, tanto dentro como fóra da cancha. E case máis o segundo. Porque no tema, que máis dunha vez pecha as noites de troula nos garitos composteláns, menciónase máis os méritos do internacional con España nas barras de bar que as súas actuacións sobre o verde.
Porque se George Best dixo no seu día que gastou moito diñeiro en alcol, coches e mulleres e que o resto o malgastou, Tristán talvez foi o alumno avantaxado do xenio de Belfast. “Teño calidade como Diego Tristán. Na barra do bar como Diego Tristán. Diego Tristán. Diego Tristán”. Un tema que, se coincidise coa época dourada do gañador do Trofeo Pichichi en 2002, seguro que o bailase o mismísimo Tristán pero co que agora bota todo Riazor.
JOHN GUIDETTI
Leste é un caso parecido ao que se viviu hai uns anos en Vigo. En Balaidos celebráronse non poucos goles cunha canción house dedicada ao dianteiro John Guidetti, por entón nove do ‘EuroCelta’ que se plantou nas semifinais da Europa League co ariete escandinavo como un dos seus referentes.
Pero Guidetti non só deixou pegada no coliseo celeste e na afección celtiña, senón que o seu nome percorreu as pistas de baile e discotecas móbiles de media Galicia co tema do grupo sueco Badpojken. Aínda hoxe segue sendo un himno para os incondicionais celestes, aínda que agora soa con máis forza en Vitoria. Esta tempada os altofalantes de Mendizorroza están listos para facer a pregunta: “Johny G, Johny G / Will you marry me?”. Aínda que a gran cuestión é: Quen é mellor: Tristán ou Guidetti? Fagan as súas apostas.
Escribe o teu comentario