Sanidade sanciona a case a metade dos restaurantes que inspecciona
No verán adoitamos comer máis fóra, a miúdo en establecementos temporais, como os chiriguintos. Algo que podemos volver a pensar tendo en conta que o 43% dos establecementos de restauración que visitan os inspectores de Sanidade acaban sendo sancionados. A multa máis común, ademais, é pola falta de condicións hixiénicas.
A Consellería de Sanidade inspeccionou 1.596 establecementos de restauración na última campaña de control sanitario e en 688 detectou infraccións. A máis frecuente corresponde ás condicións hixiénicas dos locais, que supuxeron un 40% do total.
Foto de recurso dun restaurante de comida rueira | gaelx is licensed under CC BY-SA 2.0
Por outra banda, a Xunta tamén asegurou este domingo nun comunicado que o 56,9% dos locais cumpriron todos os requisitos.
Ademais, apuntaron que un 26% das infraccións están ligadas ao "cumprimento de programas de autocontrol"; seguidos de "incumprimentos de condicións estruturais" nun 18%; un 7% á "información proporcionada ao consumidor"; máis dun 6% ao "correcto censado no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) e nun 3,5% dos establecementos detectáronse infraccións ligadas á utilización de envases enchidos "prohibidos pola normativa".
Así mesmo, a Consellería tamén pretendeu "verificar" a lei vixente e "comprobar e actualizar" os datos do REGASA, á vez que informa de que "deben estar inscritos" todos os establecementos de venda polo miúdo.
172 LOCAIS DADOS DE BAIXA
No que incumbe ao rexistro de locais, a Xunta sinalou que se deron de baixa 172 establecementos ao verificarse que "non exercían a actividade pola que se rexistraron".
Entre as actuacións nestes locais, apuntaron desde Sanidade que se enmarcan os "requirimentos para modificar as desconformidades", en concreto: 16 suspensións cautelares de actividade, 35 inmobilizacións de produto e 58 expedientes sancionadores.
LOCAIS NON REXISTRADOS
A campaña estivo destinada a "reforzar as inspeccións de todos os establecementos de restauración social, restauración comercial con ou sen comedor independente" e tamén naqueles que non estaban rexistrados e que foron localizados nos controis, explicou Sanidade.
Escribe o teu comentario