As persoas con autismo terán un novo centro no vello cámping do Monte do Gozo
De cámping e albergue abandonado, a centro de prevención e atención a persoas con transtorno do espectro autista. A Xunta dá luz verde a un proxecto impulsado por unha asociación de nais e pais.
O Consello da Xunta autorizou este xoves o convenio, dotado con 800.000 euros, con a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) para a cesión durante 33 anos do espazo do antigo cámping do Monte do Gozo.
Persoas con transtorno do espectro autista nunha imaxe do twitter de Aspanaes
O obxectivo é impulsar un novo centro de atención diúrna e de prevención no citado emprazamento, para mellorar a atención das persoas autistas en Galicia que, segundo a Xunta, será un proxecto "único" e "demostrativo dun turismo integral e inclusivo" para facilitar a accesibilidade no Camiño de Santiago.
Deste xeito, crearase un servizo de atención diúrna terapéutica para este colectivo e novos servizos de prevención de situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal.
CAMPAMENTOS AOS QUE PODERÁN VIR PERSOAS DE FÓRA
Tamén se inclúe o desenvolvemento dunha iniciativa para organizar estancias ou campamentos para o colectivo autista de calquera parte do mundo, aproveitando o albergue público do recinto que podería facilitar o aloxamento para familiares que desexen acompañar aos seus fillos.
O Goberno galego busca, así, crear "un polo de atracción" deste sector da poboación a través dun espazo de encontro de peregrinos, turistas, e persoas "con calquera tipo de discapacidade e as súas familias".
Escribe o teu comentario