"VeluMap", a app gratis para controlar a expansión da avespa velutina en Galicia
Xa se pode descargar gratuitamente a aplicación da USC que permitirá controlar e predicir o avance deste insecto que está a poñer en perigo o futuro de moitos apicultores polos seus ataques ás abellas
Con intención de predicir o patrón de expansión da avespa velutina, un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveu a aplicación "VeluMap", un servizo gratuíto que permite situar a distribución espacial e temporal deste insecto en Galicia.
Captura de pantalla de Velumap
"A aplicación permite mellorar o coñecemento da autoecoloxía da especie e producir mapas actualizados de como será a súa distribución en tempo practicamente real", sinala o doutor Luís Rodríguez, responsable do traballo. É unha plataforma enmarcada no convenio de colaboración coa Deputación de Coruña para o "Estudo da problemática asociada á avespa velutina", que pode utilizarse tanto en sistemas operativos Android como en IOS.
AUTOMATICAMENTE PREDICIR A SÚA EXPANSIÓN
"VeluMap" recibe os datos que envían os usuarios e actualiza de forma automática os movementos que se esperan da especie. O equipo desarrollador destaca o interese da utilización colaborativa da ferramenta, dado que canta máis xente use a aplicación, máis información dispoñible haberá, á vez que "mellor serán os resultados dos modelos preditivos para coñecer a expansión desta especie invasora en Galicia".
FUNCIONAMENTO DE VELUMAP
Os investigadores recalcan a sinxeleza do proceso. Tras o rexistro como usuario, as persoas que utilicen "VeluMap" deben elixir entre engadir un avistamento de individuos illados ou dun niño. Despois da captura de datos engádese unha imaxe, que pode ser envorcada desde a galería ou tomarse no momento.
Por último, identifícase o emprazamento xeográfico da observación. Tamén se poden incluír comentarios con datos de interese como a hora ou o clima.
Escribe o teu comentario