Alcoa de San Cibrao podería pechar se o Goberno non baixa a luz ás industrias, advirte alcalde
O gran motor económico da Mariña podería acabar marchándose se o Goberno non aproba dunha vez o estatuto para as industrias electrointensivas, advirte un alcalde veciño de San Cibrao. Unha demanda que tamén lle lanzan os representantes dos traballadores.
O alcalde de Cervo (PP), Alfonso Villares, apremou ao Goberno central para que "poña un prezo competitivo" á enerxía para evitar o peche da planta de Alcoa de San Cibrao.
A petición realizouna despois de que a multinacional do aluminio asinase a venda das súas factorías de Avilés e A Coruña ao fondo suízo Parter Capital.
Villares advertiu de que "son realidades distintas" e que "non ten nada que ver o que poida pasar na Coruña ou Avilés co que pode pasar na Mariña".
"Seguirán co aluminio se hai prezo da luz; se non hai prezo da luz non vai ser rendible nin con Alcoa, nin con este grupo", avisou.
Neste sentido, precisou que Avilés e A Coruña son lugares onde a saída industrial no caso de que se deixe de producir (aluminio) é "moi distinta que na Mariña".
DEPENDENCIA DE ALCOA
Tanto é así que alerta de que "se na Mariña non hai Alcoa non hai outra alternativa que poida substituír nin minimamente o que hai neste momento".
Villares reiterou que "o que se necesita é prezo da luz, que sexa competitivo para esta empresa ou para calquera outra, sexa Alcoa, Partner ou o que sexa".
"Necesitamos única e exclusivamente un prezo da luz e neste caso é decisión do Goberno. Xa van moitos meses en que se está dilatando esta decisión e, por tanto, son moitos meses nos que estamos nun serio perigo na Mariña", concluíu.
O Goberno alega que mentres siga en funcións non lle é legalmente posible aprobar un estatuto que di ter listo.
Escribe o teu comentario