Restricións ao tráfico e aos peóns debido ao importante dispositivo de seguridade das festas de Santiago
Cortaranse rúas, haberá controis especiais nos accesos á capital e unha consigna para deixar os vultos que non se poderán introducir en parte da zona vella o 24 e o 25
Un amplo dispositivo da Policía Nacional velará pola seguridade dos cidadáns durante os festexos do Día de Galicia e do Apóstolo na Comunidade galega, operativo que terá unha "especial dimensión" en Santiago de Compostela para garantir o normal desenvolvemento dos distintos actos.
Aínda que por razóns de eficacia e seguridade a Delegación do Goberno non especifica o número exacto de axentes que participarán, os efectivos ordinarios da Comisaría de Santiago contará co reforzo de equipos especializados da Xefatura Superior de Policía de Galicia.
Así, participarán unidades de intervención policial (UIPs), así como de prevención e reacción (UPRs), medios aéreos, brigadas móbiles, especialistas en desactivación de explosivos (Tedax-Nrbq), grupos especiais de seguridade, guías caninos, unidades de subsolo e cabalería.
A Policía Nacional tamén traballará en coordinación e comunicación cos axentes de seguridade de todos os corpos implicados: Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, Unidade adscrita á Xunta de Galicia e bombeiros, entre outros.
O dispositivo, así mesmo, dividirase en varias fases, entre as que se contempla unha "crítica" ata o 25 de xullo.
CONTROIS DE ACCESO
Por seguridade, restrinxirase o acceso con mochilas e bolsos de gran tamaño á Praza do Obradoiro durante a tarde e noite do 24 de xullo, mentres que o 25 a restrición afectará, a maiores, á Catedral e á Igrexa de San Martiño Pinario por mor da Ofrenda.
Para iso, habilitarase unha consigna no Pavillón Lorenzo da Torre que operará entre as 17,00 e as 1,00 horas da madrugada no caso da noite entre o 24 e o 25 e entre 8,00 e 13,00 horas o 25, aínda que só para recollida.
Ademais de restrinxir o acceso ao Obradoiro con motivo dos lumes, desde as 22,00 horas e ata que termine o espectáculo vetarase o tránsito de peóns polas rúas Trinidade e Raxoi, dentro do perímetro de seguridade. O día 25, o paso polo Obradoiro verase restrinxido entre as 9,00 e as 14,00 horas.
CONTROL DO TRÁFICO
Por outra banda, a Delegación do Goberno tamén informou de que a Agrupación de Tráfico da Garda Civil incrementará a presenza de axentes nas estradas con motivo do 25 de xullo, un dos días nos que hai un maior número de desprazamentos en Galicia.
En concreto, intensificarase a vixilancia nas vías e saídas da capital galega e, como medida adicional, restrinxirase o transporte de mercadorías, a celebración de probas deportivas e a circulación das mercadorías perigosas desde as 14,00 horas do 24 de xullo ata as 24,00 horas do día 25.
Con todo, esta restrición non será de aplicación a vehículos relacionados con labores de extinción de incendios, protección do medio ambiente, mantemento de estradas e salvamento de persoas.
AUMENTO DOS CONTROIS
Así, os axentes prevén realizar un maior número de probas de alcol, drogas e velocidade na contorna da capital galega durante as xornadas do día 24 e 25.
Para iso, despregaranse 180 efectivos que llevarán a cabo unhas 1.000 probas de control do consumo de alcol, unhas 100 de drogas. Ademais, vixiarán a velocidade de 25.000 vehículos en 100 puntos.
Escribe o teu comentario