​Inés Rey: “De PP e Cidadáns hai tempo que deixei de esperar lealdade institucional e sentido de Estado”

A primeira alcaldesa electa da historia da Coruña atende a Galiciapress para narrar como están a ser estes primeiros días de goberno municipal. A rexedora socialista non pecha a porta para lograr un pacto con Marea Atlántica ou BNG, agora ou no futuro, aínda que asume que en principio terán que gobernar en solitario. Á súa vez, pide responsabilidade a PP, Cidadáns e especialmente a Unidas Podemos para poder investir a Sánchez, algo que considera clave para a aprobación do tan reclamado Estatuto Electrointensivo. “Se non estivese en funcións (o goberno) xa estaría convocado o Consello de Ministros para aprobar o Estatuto Electrointensivo”, alega.


|

A primeira alcaldesa electa da historia da Coruña atende a Galiciapress para narrar como están a ser estes primeiros días de goberno municipal. A rexedora socialista non pecha a porta para lograr un pacto con Marea Atlántica ou BNG, agora ou no futuro, aínda que asume que en principio terán que gobernar en solitario. Á súa vez, pide responsabilidade a PP, Cidadáns e especialmente a Unidas Podemos para poder investir a Sánchez, algo que considera clave para a aprobación do tan reclamado Estatuto Electrointensivo. “Se non estivese en funcións (o goberno) xa estaría convocado o Consello de Ministros para aprobar o Estatuto Electrointensivo”, alega.


Inés Rey, alcaldesa da Coruña


A alcaldesa Inés Rey fixo balance para Galiciapress


Como están a ser estes primeiros días desde a súa aterraxe na alcaldía?

Intensos. O concello é unha máquina que non pode estar parada con independencia da corporación que goberne. Os procedementos seguen, os cidadáns seguen tendo necesidades…de modo que aínda que sexas novo e chegues por primeira vez tes que aterrar con todo o traballo encima da mesa e poñerche a funcionar.


A acollida dos funcionarios e funcionarias foi magnifica. Eles fan todo moito máis fácil, facilitan e apoian. Agora xa temos constituído o Goberno Municipal e vimos de facer a primeira xunta para os nomeamentos. Estamos a empezar a traballar nestes primeiros días e agora con cada concelleiro traballando xa na súa respectiva área vai ser todo moito máis áxil.


Hai un tema relacionado co Tribunal de Contas e a Autoridade Portuaria da Coruña, da que forma parte o concello, que está de actualidade. O presidente da Autoridade Portuaria reaccionou ás informacións afirmando que as presuntas irregularidades veñen da anterior lexislatura, aínda que o Tribunal de Contas achaca responsabilidades a el, ao que lle piden a devolución dunha cantidade de diñeiro. Que papel xogará o concello neste tema?

Fáltanme datos precisos do asunto para poder facer unha valoración moito máis extensa, polo que non quero entrar en moitos detalles, porque insisto que me faltan datos. O que si é certo que cada tribunal ten os seus procedementos e o que fará e fixo sempre este concello,  e farao este Goberno Municipal, será respectar todos os procedementos que existan, sexan do Tribunal de Contas ou sexan doutro organismo. Por tanto non imos facer valoracións por agora.


Sobre o décimo aniversario da consideración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Que plans teñen, ademais das exposicións na Torre, para poñer en valor ese aniversario?

Foi emocionante formar parte do inicio dos actos de conmemoración dun feito histórico. Quero aproveitar para recoñecer o labor realizado pola vía civil do Doutor Vázquez Iglesias e de Segundo Pardo Ciórraga, que loitaron durante moitos anos para lograr ese distintivo, e no plano político recoñecer a Javier Losada e Enrique Tello, quen foi capaces de conseguir que a Torre de Hércules fose declarada patrimonio de todos.

Hai especies anfibias únicas en Europa no contorno da Torre de Hércules

A partir de aí dá a sensación de que se abandonou o contorno da Torre, aínda que hai traballos para a conservación e protección da flora e a fauna típicas de alí, mesmo falei persoalmente cos traballadores de hábitat que me comentaron que hai especies anfibias únicas en Europa e que están nesa zona. Por tanto temos o labor e a obrigación de conservación e potenciación dese espazo e non se fixo o Centro de Interpretación da Torre como marcaba UNESCO, e non se pode demorar moito máis. Falaremos e construiremos ese centro, aínda que hai que valorar onde ao tratarse de espazos protexidos, respectando a contorna. Ademais hai que darlle unha volta a ese aparcamento que hai de caravanas porque ás veces non deixan apreciar a Torre desde abaixo e rompen a contorna.


Nos últimos días déronse pasos para atopar unha solución definitiva para o problema de Alcoa. Un problema ao que lle afectou notablemente o feito de que o goberno central siga sendo un goberno en funcións. Ata que punto isto repercutiu non ter un goberno que poida tomar unha decisión determinante respecto diso do estatuto electrointensivo?

Pois repercutiu en todo. Se non estivese en funcións xa estaría convocado o Consello de Ministros para aprobar o Estatuto Electrointensivo que recolle unha das demandas do Comité de Empresa de Alcoa como é a especificación para as industrias hiperelectrointensivas como é o caso da factoría coruñesa e que se rebaixasen os prezos. Recibíronse axudas europeas por 200 millóns de euros para compensar o tema das emisións. O que pasa é con ese estatuto, que por certo ía ir ao Congreso de Ministros do 23 de abril pero non foi posible porque a Comisión Nacional de Mercados e Competencia fixo unhas alegacións de carácter técnico e administrativo que xa están liquidadas e que por tanto no próximo Consello de Ministros xa se vai a aprobar o estatuto, pero de momento non hai un goberno que poida executalo.


Hai unha investidura o día 22 e quero facer un chamamento á responsabilidade das forzas políticas porque é moi fácil acudir a unha manifestación para facer a foto e despois non permitir que exista un goberno que poida convocar un Consello de Ministros para aprobar ese estatuto. Eu espero que na responsabilidade colectiva estea tamén a responsabilidade  de non facer que se repitan as eleccións, porque de ser así o estatuto aínda tardará moito máis.


É un pouco como fixo o BNG na Coruña, que sen entrar no goberno e reafirmando que faría unha oposición crítica co executivo, si asinou un acordo de directrices políticas co PSdeG coruñés. Cre que esa debería ser a postura a nivel estatal de PP e Cidadáns?

Non me refería tanto a PP e Cidadáns, partidos dos que hai tempo deixei de esperar lealdade institucional respecto a as institucións e sentido de Estado, por moito que enarboren a bandeira cada vez que pisan a rúa. Eu falaba doutras forzas políticas, directamente de Unidas Podemos. Se é verdade que as contradicións nas que caen PP e Cidadáns ás veces son tan claras que a min póñenme colorada, porque escoitar a Ignacio Augado pedindo a abstención de Gabilondo para facilitar o goberno en Madrid pero cando se lle pregunta se esa formulación non é tamén valido a nivel estatal responde que “son cousas diferentes”.


Eu non espero moito, lamentable, nin de PP nin de Cs, e moito menos despois de ver eses pactos secretos e non tan secretos coa forza de ultradereita de Vox. Insisto: referíame a Unidas Podemos, porque penso que non está a ter unha actitude responsable para facilitar a gobernabilidade.


Pola contra, vimos aquí como o BNG e mesmo Marea Atlántica facilitaron a investidura, sentaron a dialogar e cos nacionalistas mesmo temos un documento, xa que na política municipal nos programas existen moitas coincidencias en temas de cidade que exceden as siglas políticas e que son de estrito calado municipal, e neses temas temos que estar de acordo. Ou estamos co BNG ou estamos con Marea Atlántica, a expensas de que se termine de perfilar un documento programático onde poñamos puntos en común e que a acción de goberno poida sacalos adiante, cos votos duns e outros, a condición de que se respecten eses acordos. E estamos na liña de respectalos e levalos a cabo, e así o demostraremos neste inicio.


Entendo que o plan a longo prazo é gobernar en solitario con apoios puntuais.

Non aventuro nada porque a verdade é que os mandatos dan voltas. Pero nós temos que empezar a gobernar desde xa e iniciamos este mandato en solitario porque non se deron as circunstancias para facer un goberno de coalición coas outras forzas progresistas. Pero xa dixemos que non se descarta nada.


Isto dura catro anos, as formacións políticas poden cambiar de criterio e mesmo podemos tecer esas redes de confianza necesarias para poder gobernar en coalición, circunstancia que neste momento non se dá, pero que non podemos descartar que se poida dar dentro de dous anos por exemplo. Non pecho a porta a ninguén, as miñas portas están abertas para todos, tanto no plano municipal como político.


Hai pouco Feijóo deu a entender nunha resposta a Leiceaga que planea presentarse o próximo ano ás eleccións autonómicas. Como están as relacións institucionais coa Xunta e que valoración fai dese anuncio de Feijoo? Ten posibilidades reais o PSdeG de liderar un cambio en Galicia despois dos éxitos cultivados nas xerais e municipais?

Tendo a non valorar as decisións políticas do resto de partidos, máis aló de respectalas e loxicamente desde a lealdade política e institucional, basicamente porque tampouco me gusta que valoren as do meu partido. Respecto profundamente que Alberto Núñez Feijoo volva presentar como respectaría que dixese que se marcha a casa ou que asume outro tipo de cargo político. É unha decisión, non se se das bases porque creo que no Partido Popular as bases non deciden estas cousas, no PSdeG si, pero é unha decisión deles e eu a respecto.


Con todo penso que o ciclo político do PP en Galicia está esgotado. Xa non teñen proxecto, a súa xestión é nula e nefasta e mesmo foi daniña para os galegos e galegas cunha política de recortes terrible e creo que xa tivemos suficiente co Partido Popular. Ademais a cidadanía xa os vén avisando, fíxoo nas xerais onde por primeira vez na historia os socialistas foron primeira forza, avisaron nas municipais onde o PP non goberna en ningunha das sete grandes cidades e ademais deulle a través dun pacto indigno a alcaldía a Jácome a cambio de manter a Baltar na Deputación. Iso terao que explicar Feijoo se atopa un oco para facelo.

O PP lle deu a alcaldía a Jácomea través dun pacto indigno; Feijoo o tedrá que explicar.

A cidadanía falou dúas veces, falará a terceira nas autonómicas para dicir que o seu ciclo esgotouse e que hai unha alternativa pola esquerda que está encabezada polo PSdeG de Gonzalo Caballero, que está en disposición de volver gobernar en Galicia. Temos entre dez e quince meses por diante, pero Gonzalo ben traballando moi duro nos últimos anos e os resultados están á vista con estes éxitos e estou convencida do éxito das próximas autonómicas.


Con respecto á economía, aquí na Coruña Inditex é unha das empresas con maior peso na zona, tanto no tecido económico como social da cidade. Nas últimas eleccións xurdiu unha certa polémica suscitada por Unidas Podemos relacionada coas doazóns de Amancio Ortega. Dado o valor da compañía a nivel local, como se viviu aquí esa polémica? Coméntase que mesmo prexudicou electoralmente a Unidas Podemos…

Non se se iso foi o detonante do resultado electoral, creo que hai máis motivos que deberían analizar. É un máis, pero uno máis dun discurso certamente demagóxico que teñen. Na Coruña sentou mal e só facía falta preguntar aos cidadáns para comprobalo. E politicamente penso que é un erro, porque eu, por exemplo, defendo os servizos públicos como a sanidade e a educación pública como non pode ser doutra maneira, pero a defensa sen concesións e radical dos servizos públicos xestionada con fondos públicos non está rifada con que en ocasións as empresas, na súa Responsabilidade Social Corporativa, fagan unha doazón ou acheguen algo que evidentemente axude a estes servizos públicos.


Se no seu RSC unha fundación, como é o caso da Fundación Amancio Ortega, colabora cun concello para crear un centro de día, unha residencia de anciáns, dar soporte ao terceiro sector e chegar onde os recursos municipais non chegan, benvido sexa. Ceo que é un erro de base e político criticar esa decisión e facelo coa inquina e rabia coa que se fai. Eu sigo defendendo os servizos públicos e non son partidaria da caridade; si da solidariedade, de que o que máis ten poida dar a quen menos ten. E iso é algo que fixo Inditex á cidade da Coruña e a Galicia.  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE