​Bugallo: “Hai que redefinir o modelo de turismo en Santiago”


Hai uns meses as enquisas puñan ao PSOE en terceira posición pero o retorno do ex-alcalde provocou un tremor na política local que se plasmou nunha contundente vitoria socialista. Con todo, Xosé Sánchez Bugallo necesita de apoios e nesta entrevista con Galiciapress detalla en que eidos buscará pactos con Compostela Aberta, PP e BNG; noemadamente o turismo e o Xacobeo. Co Bloque non descarta aínda compartir goberno. A operación Peleteiro, o “estraño” criterio da conselleira de Infraestruturas co tren ao aeroporto, o teleférico á Cidade da Cultura e a construción de vivenda pública son algúns doutros temas desta conversa.


|

Hai uns meses as enquisas puñan ao PSOE en terceira posición pero o retorno do ex-alcalde provocou un tremor na política local que se plasmou nunha contundente vitoria socialista. Con todo, Xosé Sánchez Bugallo necesita de apoios e nesta entrevista con Galiciapress detalla en que eidos buscará pactos con Compostela Aberta, PP e BNG; noemadamente o turismo e o Xacobeo. Co Bloque non descarta aínda compartir goberno. A operación Peleteiro, o “estraño” criterio da conselleira de Infraestruturas co tren ao aeroporto, o teleférico á Cidade da Cultura e a construción de vivenda pública son algúns doutros temas desta conversa.



Bugallo ramadan

Bugallo celebrou coa comunidade islámica de Santiago a fin do Ramadán esta semana



O PSdeG pasou nas últimas eleccións locais do 14% dos votos ao 34%, subindo de 5 a 10 actas. É certo que noutros comicios vostede liderou candidaturas que sacaron un chisco máis de porcentaxe e ate 11 edís. Con todo, estes comicios eran especialmente difíciles, pois vostede levaba tempo fóra da política local e o PSdeG oito anos lonxe do Goberno de Santiago. Valora polo tanto este resultado como o máis importante da súa carreira?

Tiven dous resultados moi importantes, o primeiro no 1999, cando o relevo de Xerardo Estevez. Era tamén un intre moi delicado e lograr daquela manter o Goberno foi un reto moi difícil. Aquelo ten moitos puntos en común con este resultado, máis dos que parece. Neste a dificultade era tamén moi grande porque eu estaba fóra da institución e a maior parte da miña candidatura tamén, só dous membros da candidatura formaban parte da institución.


E o PSOE de Santiago viña tamén dunha época difícil …

Dende fóra a situación víase moi complicada …


E cales foron as claves logo para esta vitoria tan contundente?

Houbo dúas. Un déficit de xestión clamoroso por parte das mareas e uns erros moi importantes en temas moi simbólicos para a cidade.


Por exemplo?

Non participar nos actos conmemorativos da festa do Apóstolo, que unha celebración que organiza o Concello dende hai 400 anos, ademais en véspera dun Ano Santo. É un erro clamoroso.


Non descarto a incorporación doutra forza política ao goberno, nomeadamente do Bloque.


Falemos do futuro.Vostede ten experiencia de gobernar canda o BNG, pero insiste en que agora a súa preferencia é gobernar en solitario.


Non dixen iso, dixen que eu estou preparado para gobernar en solitario, pero que non descarto a incorporación doutra forza política ao goberno, nomeadamente do Bloque. Iso depende tamén da súa vontade. O que manifestou até agora é unha escasa vontade de participar en gobernos de coalición nos que -o termo que eles usan- o BNG non resulte decisivo. Polo tanto eu respecto o seu criterio, pero non descarto a posibilidade que se incorpore algunha outra forza, nomeadamente o BNG, ao goberno.


Xa tivo algún contacto informal coa súa candidata, Goretti Sanmartín …

Non vou contestar a esa pregunta, porque non debo.


En Santiago hai necesidades que xustifican acordos

En todo caso, gobernar en minoría é complicado …

Si, pero en Santiago hai necesidades que xustifican acordos, e hai espazos de encontro, que agardo, aínda que o goberno sexa dunha maioría minoritaria, conseguir acordos coa maioría, ou incluso unanimidade da corporación. A cidade ten grandes retos en materia de infraestruturas, na preparación do Xacobeo 2021 ou na definición dos obxectivos do da cidade; por exemplo a redefinición do proxecto turístico de Santiago. En principio, hai unha coincidencia xeral en que hai que redefinir o modelo turístico e o modelo de cidade para Compostela 2030. Eu intentarei lograr o maior consenso ao redor disto. Tampouco o feito de ter a maioría absoluta evitaría que eu tentase conseguir o consenso, porque son decisións que transcenden unha forza política. Espero que poidamos atopar espazos de colaboración e construír un proxecto común, que nos sirva a todos.


Incluso co alcalde en funcións Martiño Noriega, de Compostela Aberta?

Por suposto, eu non fago ningún tipo de exclusións. Con Compostela Aberta hai moitos espazos de coincidencia. Por exemplo, temos que redefinir o modelo turístico, eles son conscientes diso. Temos que facer política de vivenda, non a fixeron; pero son conscientes de que hai que facelo. Temos que reformar o modelo administrativo, non pode ser que a administración un, dous, tres anos en conceder unha licencia. Hai moitos temas nos que creo existen espazo de coincidencia con Compostela Aberta máis aló de que eles tiveran acerto ou éxito na súa labor neses espazo. Espero que poidamos contar con eles para sacalos adiante.


E co PP de Agustín Hernández, en que puntos concretos cree que pode haber colaboración?

Por exemplo no tema de infraestruturas, hai un compromiso asumido por todas as candidaturas. No tema do modelo turístico eles tamén se manifestaron en que hai que redefinilo. Dende logo, con relación ao Ano Santo, sorprenderíame que co PP non atoparamos un espazo de colaboración moi ampla, ademais, para sacalo adiante.


“ tO eleférico é un proxecto que ten que ser da Xunta e nós apoiaremos


Falando de proxectos concretos, nas informacións que se foron publicando estes días sobre as súas prioridades, sorprende que se cite o tema do periférico …

Eu nunca dixen que fose unha prioridade ni que o fora facer o Concello. Dixen que nós apoiariamos a construción do teleférico que conectase o Ensanche coa Cidade da Cultura. É máis, non o vai facer o Concello.


No pasado xa se falara deste proxecto, e a UNESCO parece que puxera reticencias …

Non, a UNESCO non dixo nada. Houbo xente que falou no nome da UNESCO, pero sen representala, non hai ningún informe. É un proxecto que ten que ser da Xunta e que nos apoiaremos. Non está previsto nin que o faga o Concello nin o financie.


Fálenos logo das súas prioridades.

Preparar o Ano Santo, a depuradora, a Estación Intermodal, pero nunca mencionei ao teleférico.


Fagamos as vivendas de protección oficial que hai que facer no Castiñeiriño, Pontepedriña, Volta do Castro, Castro de Abaixo en San Lázaro … onde están as parcelas mortas de risa e criando silvas. Peleteiro é a oportunidade para dinamizar o Ensanche, esa é a prioridade.


O que si é competencia súa é o futuro da mazá do Ensanche onde estaba o colexio Peleteiro. Vostede anunciou unha Comisión Mixta cos veciños para revitalizar a zona, pero cal é o proxecto de partida da Alcaldía para esta área?

Espero que a Comisión estea constituída antes do 15 de xullo. O razoable creo sería contratar un estudio profesional para que estuden as alternativas, apostando pola máis positiva para o obxectivo de dinamizar o Ensanche. Entre todos tomaremos unha decisión, que agardo sexa de consenso.


E sobre o aspecto da construción de vivenda pública nese predio?

O Concello é propietario de parcelas para facer centos de vivendas de protección oficial. Hai que facelas. A Xunta é propietaria para construír na cidade polo menos 120 vivendas de protección oficial. Temos que esixirlle que as constrúa. Hai parcelas xa cualificadas e xa urbanizadas para construír varios centos de vivendas de protección oficial de titularidade privada. Eso debe edificarse.


Incluído na maza do Peleteiro?

No Peleteiro están previstas 31 vivendas de protección oficial. Temos chan para edificar 1.000, das que non se fixo ningunha. Agora pretenden que a solución sexan 31. Iso é unha gota de auga. O gran obxectivo de Peleteiro non é que se fagan 31 vivendas de Protección Oficial, para iso fagamos as 40 que están previstas en Xoán 23 que está alí [en terreo da Xunta] mortas de risa. Fagamos as vivendas de protección oficial que hai que facer no Castiñeiriño, Pontepedriña, Volta do Castro, Castro de Abaixo en San Lázaro … onde están as parcelas mortas de risa e criando silvas. Peleteiro é a oportunidade para dinamizar o Ensanche, esa é a prioridade. A partir de aí, xa veremos o que se pode facer, incluídas vivendas de protección oficial. Por certo, falamos desas 31 vivendas ocultando que das 155 vivendas, 124 son de libre mercado. Polo tanto, o cualitativo que se pretendía facer en Peleteiro era facer vivendas libres, que se venderían probablemente a 400.000 euros o piso. Digamos que unha cousa é para tapar a outra.


Que prazo lle gustaría para ter o proceso pechado?

No prazo de tres meses a partir de que constituamos a Comisión. Quero tomar unha decisión este ano. En calquera caso a Operación Peleteiro a súa execución vaise demorar catro, cinco ou seis anos. Hai que aprobar a modificación do PXOM, hai que tramitalo administrativamente e logo construílo. Non é un tema que se vaia solventar mañá. Mentres tanto, podemos construír 1.000 vivendas de protección oficial.


A conselleira de Infraestructuras ten un criterio moi estraño, o tren a Lavacolla custa 4 o 5 veces máis que reformar a Estación Intermodal


Ethel Vázquez, a conselleira de Infraestructuras, acaba de empregar o cualificativo “faraónico” en relación as súas propostas para cambiar o proxecto da Estación Intermodal …

Ben, cualifica isto de faraónico e en cambio propón facer unha conexión de tren coa aeroporto de Lavacolla, que custa 4 ou 5 veces máis. Iso non é faraónico? Ten un criterio moi estraño Ethel Vázquez. O aeroporto de Santiago move o mesmo número de viaxeiros que a Estación de Tren. No momento en que funcione o AVE, a de tren moverá moito máis viaxeiros que o aeroporto. O aeroporto ten 4.000 prazas de parking e a Estación ten 300. Algo non funciona ahí. A Estación de Santiago non vai ser a Estación do AVE de Santiago, vai ser a de Ribeira, Barbanza, Noia, Arzúa, Melide, Ordes e incluso probablemente de Vilagarcía e Lalín.


Interpreto que intentará falar co Ministerio de Fomento para cambiar o proxecto …

Intentarei falar con Fomento para salvar o que poidamos. O gran problema é que ahí se está a executar un proxecto claramente insuficiente e inaxeitado. En tres aspectos, que imos ver como podemos solventalos. Primeiro, aparcamentos, a estación de tren, en contra do que dicía alguén, que era de acceso peonil, pois será de acceso peonil para os de Santiago pero os de Ribeira é improbable que poidan vir andando, e os de Arzúa e Melide tamén o vexo difícil a pesares do Camiño de Santiago. Polo tanto, necesita parkings e é bo que as vías estean cubertas, porque a cobertura que hai agora é perfecta para Andalucía e Castela para tapar o sol, pero aquí que chove de lado sempre …


Miudiño …

Efectivamente, sempre de lado, nunca de arriba. A cobertura que hai agora é perfecta para que se empapen os viaxeiros cando chova. Non é valida. En terceiro lugar, temos que mellorar as conectividade co Ensanche. Agardo que poidamos mellorar o proxecto. Logo hai outros temas … unha estación de tren que se planifica para 3,5 millóns de pasaxeiros -10.000 por día- e que teña só 31 asentos para espera, paréceme un pouco escaso.


Sanchez bugallo santiago retrato


Bugallo na súa sede electoral en Santiago


Vostede insiste en que cómpre convocar xa o Real Patronato, que leva anos sen convocarse. Que resultados concretos agarda sacar del para a cidade?

É imprescindible. Ten que aprobar o proxecto que lle de vida ao Consorcio da Cidade. O Consorcio é o órgano executivo pero o Real Patronato é quen marca a folla de ruta.


Eu era o candidato do PSOE pero a partir do 15 vou ser o alcalde de todos os composteláns


Unha última pregunta de tipo político. Tras as últimas eleccións, é evidente que o PSdeG ten opcións reais de gobernar a Xunta de Galicia, polo tanto é probable que até as eleccións do próximo ano haxa moita tensión entre os socialistas e Feijóo. Teme que Santiago salga prexudicado dese previsible fogo cruzado?

Pola miña parte, de ningunha maneira. Xa dixen que eu era o candidato do PSOE pero a partir do 15 vou ser o alcalde de todos os composteláns. A miña prioridade son os seus cidadáns por diante de calquera outra cousa. Vou traballar con absoluto e exquisito respecto institucional e agardo atopar nas outras partes a xusta correspondencia. 

relacionada Santiago: o PSOE de Bugallo tentará gobernar en solitario
relacionada Os primeiros resultados oficiais indican que Bugallo será alcalde
relacionada Vídeo: O Papa Francisco volve mencionar unha visita a Santiago de Compostela

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE