​“Cando defendo un asunto galego en Europa nunca pregunto se os interesados son do BNG”

Até os rivais políticos adoitan recoñecer o traballo de Ana Miranda (Cuntis, 1971) en Bruxelas a prol dos intereses galegos. A reprimenda da UE a España por non investigar ven o accidente de Angrois é se cadra o exemplo máis coñecido. A eurodeputada do BNG sabe deste recoñecemento e, nesta entrevista en Galiciapress, confía en que sirva para alcanzar a cuarta acta para Agora Repúblicas, e así a acta de deputada fixa para toda a lexislatura. Os detalles do pacto do Bloque con ERC e Bildu, as enquisas e o avance da ultradereita son outros dos temas desta conversa.


|

Até os rivais políticos adoitan recoñecer o traballo de Ana Miranda (Cuntis, 1971) en Bruxelas a prol dos intereses galegos. A reprimenda da UE a España por non investigar ven o accidente de Angrois é se cadra o exemplo máis coñecido. A eurodeputada do BNG sabe deste recoñecemento e, nesta entrevista en Galiciapress, confía en que sirva para alcanzar a cuarta acta para Agora Repúblicas, e así a acta de deputada fixa para toda a lexislatura. Os detalles do pacto do Bloque con ERC e Bildu, as enquisas e o avance da ultradereita son outros dos temas desta conversa.


Ana miranda entrevista




Parece que estas eleccións europeas están eclipsadas polas eleccións municipais, a pesar da súa importancia. Que se xoga Galicia nestes comicios europeas?

Si, parece que están solapadas polas eleccións locais, cando a realidade é que a maioría normativa é comunitaria. Europa decide, por exemplo, a política agraria, a política pesqueira ou o destino dos fondos sociais que poden garantir que Galicia vertebre a súa poboación e evite o despoboamento; ou seguir como estamos agora, cun mal uso de fondos. Hai estacións depuradoras sen completar cando en Galicia segue habendo casas con pozos negros. Hai tamén a a posibilidade crear 15.000 prazas en centros de día e centros sociais con eses novos fondos europeos.


Como animaría a xente a votar?

Xogámonos moitísimo, a representación de Galiza como nación no Parlamento Europeo e que haxa quen defenda os nosos intereses en temas como a pesca co xeito ou as emendas á PAC. Por exemplo, no tema do despoboamento, xa onseguimos que entrara como criterio no reparto de fondos, que se aumentase un 5% no FEDER para territorios como as provincias de Ourense e de Lugo.


Moitas veces o PSOE e o PP chegaron a acordos nas que deixaron tirada a Galicia, por exemplo en acordos pesqueiros ou de política agraria


Insisten moito no slogan “se o BNG está, Galiza está”. Que pasa entón coa labor dos outros eurodeputados galegos? Non defenden habitualmente os intereses de Galicia?

Nós queremos defender as cuestións galegas directamente. Moitas veces o PSOE e o PP chegaron a acordos nas que deixaron tirada a Galicia, por exemplo en acordos pesqueiros ou cuestións en materia de cohesión ou de política agraria, nos que se prima as explotacións do sur, por exemplo nas cotas lácteas.


Nós temos unha traxectoria coherente e solvente. O que fagan os demais é a súa responsabilidade, moitas veces débense a intereses centralizados, do Estado, e non sempre teñen a nosa autonomía política. Por exemplo, o Goberno Español non se tomou posicionamento contra a prohibición dunha arte de deriva como o xeito que afecta a 424 embarcacións galegas. Tivo que ser o BNG quen foi alí a falar directamente coa Comisión. Ou o caso do Alvia,tan coñecido. Tamén foi o BNG quen logrou que se incluísen algúns barcos cefalopodeiros galegos no acordo con Mauritania a través dunha reunión co director xeral de Pesca.


O problema é que nós partimos en condicións de inferioridade polo tema da circunscrición estatal única, temos menos tempo de escano -o que non implica que cando non somos titulares do escano non fagamos o traballo, todo o contrario.


Precisamente, sobre o tema do tempo do escano. Como valora as enquisas das eleccións europeas, que lle dan tres ou catro eurodeputados a candidatura na que se integra o BNG, Agora Repúblicas. Tendo en conta que vostede vai de número 5, non lograría ese escano a tempo completo …

Non, eu non vou de 5; vou de 4 a nivel efectivo, porque o primeiro deputado xa dixo que non vai exercer, é unha cuestión simbólica, Oriol Junqueras ...


Teñen un acordo para compartir o tempo de titularidade do escano …

Si, Galiza vai estar representada, a cuestión é que cuantos máis votos teña o BNG máis representación haberá. De feito, o cuarto eurodeputado -que sería o noso- está moi a punto de obterse. Por iso facemos un chamamento á concentración de voto nacionalista, de voto de esquerdas, de voto progresista, que sinta o país e evite o que sucedeu no Congreso de Deputados, que pola división do voto entre diferentes candidaturas que poden ter unha coincidencia ideolóxica, pois perdeuse a representación nacional galega.


Hai unha soa posibilidade aritmética de obter representación nacionalista galega. Eu demostrei ter sempre a man tendida para todo o mundo, para representar os intereses galegos con independencia que fosen ou non votantes do BNG.


Falaba antes da necesidade de que os fondos europeos se usen correctamente. Vostede denunciou que a Xunta os reparte arbitrariamente. Podería poñer algún exemplo?

No fondo europeo de pesca están quitando asistencias para ter biólogos mariños e outros servizos a confrarías de pescadores que non son afíns ao PP. Tamén está o reparto de fondos estruturais en función da cor política do concello. Hai concellos que reciben moito máis. Esta semana mesmo, en Ribeira [onde goberna o PP] presentaron unha adxudicación do FEDER para o paseo marítimo, mentres a flota de pesca artesanal non ten un peirao propio para poder descargar. É curioso que para apoiar ao ex-deputado e actual alcalde Ruíz Rivas si hai fondos … En Cabanas hai unha estación depuradora sen inaugurar, sen utilizar e na que se gastou un millón e medio de euros. Nestes intres estou a traballar -non está rematando aínda - nunha radiografía do uso dos fondos europeos, que pensamos publicar nos seguintes meses.


Tamén denunciou as dificultades no voto exterior, pódese votar correctamente dende o exterior?

Nas pasadas xerais denunciamos a desigualdade dos galegos que viven no exterior, porque chegaron moi tarde as papeletas e o rexistro para votar. En moitos casos, nin chegaron e noutros chegaron unha semana tarde.


Ana Miranda é coñecida en Galicia pola súa labor de servir de altofalante aos movementos sociais, supoño que seguirá sendo unha prioridade para vostede …

Evidentemente. Con Defende a Galega colaboramos para que foran oídos na Comisión de Peticións. Tamén apoiamos aos mariñeiros galegos retornados de Noruega, aos preferentistas -que aínda está aberta a causa no Europarlamento-, aos activistas contra a minería e en concreto contra a mina de Touro, aos que reivindican a devolución do Pazo de Meirás. O máis paradigmático puido ser a cuestión do saneamento das rías galegas, logramos reabrir o informe e que se faga outro sobre os ríos. A situación dos ríos en Galicia é moi grave pola falta de saneamento e a contaminación. Creamos o foro da auga para que poida ter voz en Europa este tema. Tamén foi moi importante o acompañamento que fixemos as familias vítimas do accidente de Angrois.


“Europa foi a única que lle deu esperanza ás vítimas de Angrois, non como aquí que foron obviadas polo Goberno do PP e do PSOE”


Sobre a traxedia do tren Alvia, que camiño queda por diante en Bruxelas?

Grazas ao BNG, Bruxelas deixou claro que non se investigara correctamente; reabriuse a causa na Audiencia Provincial e agora o Estado terá que cambiar a lei para evitar outros accidentes deste tipo. Eu teño moita esperanza en Europa e por iso pido aos votantes o seu apoio para completarmos esta labor. Non queremos multas para o Estado, pero queremos que se eviten os accidentes. Estiven coa Comisaria hai un mes, en xuño, e quedamos en vernos antes do 2 de xullo, cando remata esta lexislatura, para instar a que o Estado abra unha investigación de verdade. Europa foi a única que lle deu esperanza ás vítimas, non como aquí que foron obviadas polo Goberno do PP e do PSOE.


Di que ten esperanza en Europa pero é certo que boa parte do electorado ve a Unión Europea como algo distante e burocrático …

En Europa teño esperanza no caso do Alvia; noutras cousas económicas somos moi críticos coa Unión Europea.


"Pola Lei D’hont o noso cuarto escano pode caer para Vox"


Tamén son moi críticos moitos cidadáns que apoian en Europa a opcións de ultradereita. Peso que pode aumentar co Brexit e o previsible éxito de Nigel Farage no Reino Unido. Que nos xogamos os europeos nestas eleccións fronte ao avance da ultradereita?

En Bruxelas hai moita preocupación. No Parlamento fomos tres eurodeputadas que presentamos unha resolución contra o avance do neofascismo en Europa e que, xunto con outros grupos, fomos quen de pactar co PP e co grupo liberal para responder cunha voz única á extrema dereita en Europa. Os nosos espazos políticos -progresistas, de esquerda, que defende o dereito a autodeterminación, a defensa de Galiza como pobo- poden ser substituídos -tamén por unha cuestión aritmética- pola extrema dereita española. Pola Lei D’hont o noso cuarto escano pode caer para Vox. Por iso facemos un chamamento á xente que se sinta demócrata e antifascista en Galiza, que sinta que hai que dicir “non pasarán”. O o voto útil contra o fascismo é o BNG, non vin a ningún partido estatal abrindo a boca no Europarlamento por este tema.


A última pregunta. Que prognóstico fai para o domingo, tendo en conta que o BNG duplicou votos nas xerais pero non conseguiu entrar no Congreso?

Fago un chamamento a un voto unitario, cando defendemos un tema en Europa non lle preguntamos se vota ou non ao BNG, non se lle pide carné. Defendemos os temas con independencia do seu voto. A cuestión clave é que o escano do BNG é útil, solvente e eficaz para a defensa dos galegos. Eu noto estes días -con moita humildade o recibo- o cariño de moita xente diversa. Un cariño non só polas posicións do Bloque en xeral senón un afecto polo traballo en Europa. Sempre acudimos coa man tendida para todas as cuestións. Todo o mundo ve que o noso escano pode ser útil. A partir de aí, que isto se traduza en votos ... hai que ter prudencia, verémolo o domingo.

relacionada ​Lidia Senra (En Marea): “La Unión Europea debe construirse poniendo los derechos de las personas delante de los intereses del capital”
relacionada Solo lograrían acta los gallegos en la lista de PSOE y PP
relacionada El CIS da escaño directo a los gallegos González Casares (PSOE) y Millán Mon (PP) y abre la puerta a Miranda (BNG)

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE