Detido un falso enfermeiro pirómano
Axentes da Policía Nacional detiveron o luns en Madrid a un individuo que se facía pasar por enfermeiro para traballar en centros de asistencia a persoas maiores.
Segundo indicaron a Europa Press fontes policiais, o arrestado, S.B.L, de 31 anos, xa fora detido en Galicia por provocar varios incendios na provincia de Ourense o verán de 2016, aínda que agora estaba en liberdade vixiada. Tamén constan outros antecedentes por estafa.
Durante o período de probas a empresa sospeitou da súa actitude e ao comprobar a titulación que presentou xunto ao currículo detectouse a súa falsidade. Ao arrestado impútanselle os delitos de falsidade documental e intrusismo profesional.
A investigación iniciouse o pasado día 9 por axentes da comisaría do distrito madrileño de Ciudad Lineal. Alí recibiuse unha denuncia na que unha empresa comunicaba a actitude sospeitosa dun traballador que se atopaba en período de probas.
O individuo presentara un certificado de pago de taxas para aparentar estar en posesión do título universitario de enfermería e un certificado como enfermeiro colexiado.
Finalmente os axentes localizaron a esta persoa e tras o seu arresto foi posto ao dispor da autoridade xudicial. A investigación continúa aberta por se puidese cometer feitos similares noutros centros.
Escribe o teu comentario