Enfermeira de baixa por maternidade gaña que lle recoñezan o tempo desde chamada para substitución ata a súa incorporación
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que o Sergas recoñeza como tempo traballado a efectos administrativos o período de tempo durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/DUE (enfermeira).
Sede do TSXG
REVOGA OUTRA SENTENZA
A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG revoga así a sentenza ditada en novembro de 2018 por un Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña.
Con iso, estima parcialmente o recurso interposto pola demandante contra a resolución ditada pola Xerencia de Xestión Integrada da Coruña en decembro de 2017, relacionada coa suspensión de chamamentos durante a súa baixa por maternidade.
ARGUMENTOS XURÍDICOS
"A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que ha de selo a un período de descanso que se goza por tal situación", indica o TSXG na resolución, na que subliña que "a discriminación existe".
De feito, destaca que "eliminada a situación de maternidade, os servizos prestáronse e, por tanto, deben de recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei".
SÓ LLE RECOÑECEN PARTE DO TEMPO QUE RECLAMABA
A sala indica no fallo que o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, "o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade".
O período anterior, desde o 26 de decembro de 2016, día seguinte á finalización do contrato, ata o 27 de xaneiro de 2017, data na que se produciu o chamamento, "non se pode recoñecer para os efectos pretendidos, pois implicaría privilexiar á apelante en relación cos demais integrantes das listas de vinculacións temporais".
Escribe o teu comentario