As mareas da Coruña e Santiago pasan da marca de Podemos, ANOVA e EU para as locais

|

Marea de Vigo e Ferrol en Común si se presentarán coa marca instrumental Son En Común, que chegará a uns 50 municipios 


Boas noticias para o PPdeG na Coruña. Compostela Aberta e Marea Atlántica -como xa fixeron para estas xerais- pasan de participar na marca paraugas promovida por Podemos, Anova e Esquerda Unida para as municipais; polo que, salvo sorpresa de última hora e que se adhiran á marca de En Marea de Luís Villares, non poderán sumar os seus votos á hora de competir pola Deputación Provincial, o que aumenta exponencialmente as posibilidades do PP de reconquistar a deputación herculina.


Compostela Aberta e Marea Atlántica, as candidaturas municipalistas que aspiran a revalidar os gobernos de Santiago e A Coruña o próximo 26 de maio, acordaron desligarse da marca paraugas acordada polas direccións de Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia; polo que as mareas de Martiño Noriega e Xulio Ferreiro non se presentarán ás eleccións municipais baixo a candidatura instrumental SON En Común.


Compostela Aberta e Marea Atlántica non concorrerán ás municipais baixo márcaa paraugas de EU, Podemos e AnovaMartiño Noriega e Xulio Ferreiro


Así o trasladaron a Europa Press fontes das direccións dos partidos que subscriben o acordo, que ten por obxectivo sumar votos a través da marca paraugas Son En Común para gañar representación nas deputacións provinciais.

Con todo, as mareas de Santiago e A Coruña decidiron rexeitar esta marca como xa ocorreu no ano 2015, cando tanto Compostela Aberta como Marea Atlántica non acudiron á cita coas urnas baixo a marca SON, pactada por Anova e EU.

Agora, esta marca paraugas amplíase coa participación de Podemos, que se presenta por primeira vez ás eleccións municipais. Así as cousas, segundo sinalaron a Europa Press fontes do partido morado, "entre 40 e 50" candidaturas municipalistas acóllense ao acordo de coalición, que presenta "particularidades adaptadas" a cada concello.

Por exemplo, no Concello de Teo (A Coruña), a candidatura, articulada como partido, estará maioritariamente integrada por membros de Anova, organización nacionalista que goberna o municipio limítrofe coa capital galega e na que foi alcalde, antes de dar o salto a Santiago, o actual rexedor compostelán, Martiño Noriega, de Compostela Aberta.

MAREA DE VIGO E FERROL EN COMÚN
Marea de Vigo e Ferrol en Común --que goberna a cidade naval desde 2015-- si aceptaron concorrer baixo o paraugas SON En Común, que supón a continuación da coalición de EU e Podemos para as xerais, ás que non se presenta Anova tras fracasar as negociacións .

Mentres na marea viguesa si se integran Anova, EU e Podemos, non ocorre o mesmo en Ferrol en Común, xa que o partido morado decidiu non presentarse ás municipais por desconformidade cos postos que ofrecía Jorge Suárez para a integración dos seus candidatos.

Por tanto, o próximo 26 de maio volverán confrontar nas urnas os proxectos xurdidos tras a división de En Marea, escenificada nas eleccións xerais do 28 de abril.

Por unha banda, as candidaturas municipalistas que se aliñan co partido instrumental de Luís Villares --como Marea de Ferrol, Ourense Mellor ou Marea de Pontevedra-- e, en fronte, os que se posicionan ao lado de EU, Anova e Podemos --como Marea de Vigo ou Ferrol en Común--.

Con todo, o mapa da chamada esquerda rupturista diversificouse máis que en 2015, a pesar de que un dos obxectivos fixados fai catro anos eran minimizar a existencia de varias candidaturas municipalistas dentro dun mesmo concello.

LUGO, PONTEVEDRA E OURENSE
É o caso de Lugo, onde, a falta de confirmación, podería haber tres candidaturas diferentes: a de Podemos, encabezada por 'Josito' Pérez, a de Esquerda Unida con Carlos Portomeñe como referencia e Lugonovo, marea afín á En Marea de Villares. Pola súa banda, Anova decidiría non presentar candidatura na capital lucense.

Similar é a situación en Ourense, onde tamén se dá por feito que haberá tres candidaturas diferentes xurdidas do universo da chamada 'unidade popular': Ourense en Común, encabezada por Martiño Xosé Vázquez co respaldo de Anova; Ourense Mellor, afín a En Marea, e a candidatura na que traballan Podemos e Esquerda Unida, aínda sen pechar.

En Pontevedra tamén haberá dúas candidaturas do mesmo espazo político. Marea de Pontevedra, con Luís Rei como alcaldable e co respaldo da dirección do partido instrumental, competirá nas urnas coa lista de Podemos e EU, que aínda negocian con Anova a poucas horas do peche o prazo para rexistrar coalicións.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress