‘R’ e a animación espertarán o talento dos máis pequenos
O operador galego estará moi presente na ICC Week de Ourense cos seus talleres de “stop motion”.
O operador galego estará moi presente na ICC Week de Ourense cos seus talleres de “stop motion”.
'R' axudará aos máis pequenos a crear e aprender coa tecnoloxía
Os máis pequenos poderán gozar esta fin de semana, da man de ‘R’, dos talleres de animación “stop motion” na ICC Week. No apartado ICC Kids do evento ourensán, e dentro da acción lúdica crea R do operado galego, os nenos e nenas achegaranse ás novas tecnoloxías de forma didáctica e divertida o próximo sábado 6 de abril no Centro Cultural “Carlos Valcárcel” de Ourense.
O propio operador galego destaca que, durante a xornada, os nenos e nenas que participen nos talleres “deixarán de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e botarán man dela para crear e aprender”. No canto de desenvolver talleres de robótica, como os que se están desenvolvendo noutras localidades, o operador galego propón unha acción onde os pequenos aprenderán a técnica de animación “stop motion”. A técnica consiste en crear “movemento audiovisual dando continuidade a imaxes fixas de obxectos estáticos”.
‘Líbolis, Pequenos Emprendedores’, a primeira escola de emprendemento para os máis pequenos en Galicia, será a encargada de achegar aos asistentes a esta técnica, unha das máis antigas do cinema, que permitirá espertar a imaxinación e talento de todos os nenos e nenas do recinto.
HORARIOS DOS TALLERES
A compañía informa que os talleres estarán repartidos en tres quendas. Os horarios son de 10:30 a 11:30 horas, cando se realizarán os talleres para os pequenos e pequenas de 7 e 8 anos, de 11:30 a 12:30, para os de 9 e 10 anos, e de 12:30 a 13:30 para os de 11 e 12 anos. Do mesmo xeito, o acceso é gratuíto tanto para os clientes, “previa recollida das invitacións na tenda de R de cálea Lamas Carbajal, 28 de Ourense, onde están dispoñibles desde o pasado 27 de marzo e ata completar o aforamento”.
“Tras visitar Carballo, Vilanova de Arousa e esta semana Ourense, o programa crea R proseguirá o seu periplo ata final de ano visitando tamén Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón”, anuncia a compañía.
Escribe o teu comentario