​Play-Doc alcanza a súa décimo quinta edición e contará cunha nova sección


As grandes citas do cinema español, europeo e internacional continúan o seu camiño e en abril chega a quenda dun dos festivais máis importantes da Comunidade, o Play-Doc. Nado fai agora quince anos, este festival internacional de documentais volverá recalar na cidade de Tui durante 5 días, do 3 ao 7 de abril, un menos que na edición do ano pasado.


|

As grandes citas do cinema español, europeo e internacional continúan o seu camiño e en abril chega a quenda dun dos festivais máis importantes da Comunidade, o Play-Doc. Nado fai agora quince anos, este festival internacional de documentais volverá recalar na cidade de Tui durante 5 días, do 3 ao 7 de abril, un menos que na edición do ano pasado.


Auditorium 2584269 1280

A cidade de Tui converterase un ano máis no epicentro do cinema galego do 3 ao 7 de abril Foto: Pixabay // Domino Público


O mes de marzo pechouse coa presentación do programa oficial da que será a décimo quinta edición do Play-Doc na vila fronteiriza de Tui. Así, mentres na cidade olívica celebrábase a Reconquista e os celtistas preparábanse para o regreso de Iago Aspas, que terminaría remontando o seu último encontro de LaLiga a pesar de partir como claro perdedor nos prognósticos, na cidade veciña os amantes do cinema concentrábanse para coñecer as novidades que traerá este ano o certame cinematográfico. Unha rolda de prensa que quixo o destino que se celebrase o mesmo día en que nos deixaba Agnés Varda, unha das grandes figuras do documental no mundo e das poucas representantes do movemento da Nouvelle Vague que quedaban aínda con vida.


A presentación contou coa presenza de Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui, Jacobo Sutil, director de Agadic, Anxo Sánchez, codirector de Play-Doc, e Beli Martínez, responsable da programación dedicada ao cinema galego do festival. Unha das principais novidades que se desvelaron durante a rolda de prensa, é que este 2019 o certame contará cunha sección completamente nova que recibe o nome de North by Northwest, en clara homenaxe a un dos clásicos de Alfred Hitchcock. Nela englobaranse títulos que foron producidos no norte e o noroeste peninsular, de tal forma que os asistentes a Play-Doc poderán gozar da cinta asturiana “In Memorian (a derrota convén esquecela)”, de Marcos M. Merino, da produción vasca “Muga Deitzen Dá Pausoa-Paso ao límite”, último traballo da cineasta Maider Oleaga e da película galega “La Estrella Errante”, dirixida polo ferrolán Alberto Graza.


Esta nova sección únese ao anuncio da ampliación da emisión de Play-Doc TV, a plataforma de VOD do festival que busca achegar o cinema menos comercial aos seus usuarios durante todo o ano, a outras zonas do norte do país. Así, a partir do mes de abril estará dispoñible, ademais de en Galicia, no País Vasco a través de Euskatel e en Asturias da man de Telecable.


O audiovisual galego non só estará presente nesta nova sección, senón que o festival volve apostar polas producións de realizadores da Comunidade na categoría Panorama Galicia. Tal e como expuxeron os responsables do certame durante a presentación, esta sección ten como obxectivo poñer en valor o traballo dos cineastas galegos, visibilizando as súas creacións e demostrando que Galicia segue en constante ebulición. Desta forma, Panorama Galicia exhibirá nove títulos moi diferentes entre si en canto a formatos, duración e formas, pero que comparten ser producidos por directores galegos entre 2018 e 2019. Así, Arancha Brandón asina “A typical morning”, que se define como unha viaxe surrealista ao pasado e ao rural galego; Iria Sanjurjo presenta “Empalaos-Valverde de la Vera”, sobre os procesos de transformación das persoas que participan nestes rituais; Antonio Díaz Huerta fará o propio con “Galo”, que reflicte a historia de superación dun mozo cego; mentres que Eloy Domínguez Serén trasladaranos ao deserto con “Hamada”. Pola súa banda, Alexandre Cancelo chegará a Tui con “Ilha”, David Varela con “Lucía na noite”, Antonio Grunfeld con “Manoliño Nguema”, Adrián Canoura con “Rexistros. Xeografía de San Sadurniño” e Roberto Minervini con “What you gonna do when the world’s on fire?”



800px Photographer Bruce Weber

O fotógrafo e realizador norteamericano Bruce Weber estará presente no Play-Doc  Foto: Wikimedia // CHRISTOPHER MACSURAK // CC BY 2.0



Outro dos grandes atractivos desta décimo quinta edición expostos na rolda de prensa será a presenza de Bruce Weber e Kidlat Tahimik. Weber é un dos fotógrafos publicitarios máis importantes da década dos 80 que deu o salto á realización con “Broken Noses” en 1987, un documental sobre a figura do boxeador Andy Minsker. Tahimik, pola súa banda, está considerado como o pai do cinema filipino e conta cunha dilatada filmografía na que destaca especialmente o cinema ensaio.


A todo isto debemos sumar unha sección oficial na que se presentarán por primeira vez diversas producións nacionais, así como toda unha variedade de actividades paralelas que buscan achegar ao público o xénero documental.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE