As empregadas de ABANCA mobilízanse en Lugo pola excesiva carga de traballo
A CIG informa que as empregadas tamén denuncian a discriminación á que son sometidas por parte da entidade bancaria.
A CIG informa que as empregadas tamén denuncian a discriminación á que son sometidas por parte da entidade bancaria.
Traballadores de ABANCA protestando ante as oficinas bancarias / Foto: CIG
Delegados e delegadas do sindicato CIG en ABANCA mobilizáronse en Lugo para protestar contra a política comercial da entidade bancaria, que supón unha excesiva carga de traballo para as empregadas, e contra a discriminación á que son sometidas, reclamando igualdade entre homes e mulleres, xa que, como sinala a CIG, a desigualdade salarial supón unha diferenza de máis de 11.000 euros ao ano entre os traballadores e as traballadoras.
Os empregados de ABANCA demandaron que a carga de traballo “sexa realizable dentro da xornada laboral, non ter que realizar horas extras que a empresa non paga” para poder cubrir “a carga de traballo asignada”. Do mesmo xeito, o sindicato denuncia que a política comercial unicamente ten como fin beneficiar ao máximo accionista da entidade.
Na mesma liña, a CIG sinala que o cadro de persoal desde a reconversión da entidade en 2010 reduciuse en máis dun 60%, coa sobrecarga de traballo que iso supón, ademais das “ameazas de despedimento e represalias” aos traballadores que non cumpren coa imposición de obxectivos comerciais por parte da empresa.
O sindicato informa na súa nota que Santiago de Compostela e Ourense son as próximas cidades que se unirán ás mobilizacións, onde tamén reclamarán o dereito dos traballadores á ‘desconexión dixital’, recoñecido na última Lei de Protección de Datos, criticando que ABANCA non respecta a lexislación.
Escribe o teu comentario