Sergas condenado a pagar 200.000 euros por diagnosticar de xordeira e operar a un neno que era autista

|

A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas para indemnizar con 200.000 euros a un menor que en 2002, cando tiña dous anos e medio, foi diagnosticado de “unha xordeira total e incurable” cando, en realidade, era autista.



Feijoo almuiña

O conselleiro de Sanidade, Almuíña, e Feijóo


Os maxistrados, desta forma, estiman en parte o recurso de apelación interposto polo pai do menor contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense, que fixara a indemnización en 150.000 euros. “Atopámonos ante un claro suposto de erro de diagnóstico provocado por unha equivocada interpretación dos resultados da proba de potenciais evocados auditivos no seu día practicada. En definitiva, non se descartaron, como era obrigado, outras patoloxías mediante probas complementarias de tipo psicolóxico, neurolóxico ou audiométrico”, subliña o tribunal.


Baseándose en informes médicos privados, “sen esgotar os medios de diagnóstico e na crenza de que os emitidos privadamente eran acertados”, o Sergas decidiu colocar un implante nun dos seus oídos. Ao menor practicáronselle dúas intervencións, en decembro de 2004 e en febreiro de 2005, no Complexo Hospitalario de Vigo, efectuándoselle o baleiro dun dos oídos para, posteriormente, colocarlle o implante. A finais de 2006, unha profesora comezou a sospeitar que non era xordo, ante o que o Sergas decidiu remitir ao neno a un centro especializado de Barcelona, onde determinaron que o neno non era xordo, senón autista. Os maxistrados indican na sentenza que a audición no oído non baleirado era completa, non así no outro, pois o implante provocara a súa perda definitiva.


"MANIFESTO ERRO DE DIAGNÓSTICO"

“Non se discute nin a dilixencia no tempo da asistencia nin a tecnoloxía aplicada; o que está en valor é o manifesto erro de diagnóstico respecto da doenza que presentaba o menor”, argumenta o TSXG, á vez que destaca que o feito de que a sintomatología inicial fixese dubidar entre unha e outra posibilidade “non pode xustificar o grave erro cometido do que derivaron tan graves consecuencias para o afectado”.


O tribunal resalta que neste caso “achámonos ante unha perda de oportunidade, senón ante uns sucesivos e crasos erros médicos determinantes dunha infracción da lex artis, tendo en conta que as actuacións médicas non privaron ao paciente de determinadas expectativas de curación, senón que, pola contra, tales actuacións foron as que provocaron o resultado lesivo, sen as que este nunca se produciu”.


REVOGA UNHA SENTENZA ANTERIOR

A sala difire do xuíz de primeira instancia á hora de establecer a contía da indemnización, que estima “insuficiente”. Así, explica no fallo que o menor foi sometido a dúas intervencións cirúrxicas, “co sufrimento que iso comporta, tempo de hospitalización, inadaptación ao implante e, en definitiva, perda da audición dun oído san polo seu baleirado”.


Ademais, insiste en que “tal agresivo proceso médico era superfluo ao non padecer o neno a doenza que, erroneamente, diagnosticáranlle”. O TSXG considera que, ao tratarse dun suposto de mala praxe médico-asistencial, é “obvio” que a indemnización debe tender “á íntegra reparación do dano padecido”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress