Pensionistas galegos defenden as súas pensións a ritmo de I Will Surive (vídeo)
Cara ao final do acto houbo un pequeno incidente. Unha camioneta tentou pasar pola Praza de Praterías entre os manifestantes
"Goberne quen goberne, as pensións non se venden", "Feijóo, cabr***, traballa de peón", "Non hai pan, para tanto chourizo" e "Onde está, a TVG!" foron algúns dos berros máis coreados na concentración deste mediodía de Movemento de Defensa das Pensións (MODEPEN) en Santiago de Compostela. Varios centos de xubilados acudiron á Praza de Praterías este luns.
No manifesto, os seus portavoces argumentaron que o problema das pensións non se debe aos gastos, se non aos ingresos. Conscientes do ambiente prelectoral, lembráronlle aos políticos que "os pensionistas somos nove millóns de votantes potenciais" que, ademais, están a organizarse.
Ademais, criticaron a "estratexia do medo" para impulsar os plans de pensións privados. Na súa opinión, os gobernos queren arruinar o sistema público de pensións para entregarllo aos "poderosos".
A POLICÍA TIVO QUE INTERVIR PARA DEIXAR PASO A UN VEHÍCULO
Cara ao final do acto houbo un pequeno incidente. Unha camioneta tentou pasar pola Praza de Praterías entre os manifestantes, actitude que lle foi recriminada polos asistentes, algúns de maneira bastante vehemente.
Interviñeron media ducia de axentes da Policía Nacional, que vixiaban a concentración desde o principio. Finalmente, entre chamamentos a calma por parte da organización, a tensión non foi a máis e o vehículo puido pasar, iso si, entre unha sonora pitada.
Tamén houbo tempo para o humor e distensión, cando dous asistentes lanzáronse a unha curiosa versión do I wiill survive que popularizou Gloria Gaynor e coñecido en España pola súa versión "Resistiré":
Escribe o teu comentario