Presentada a programación do Día das Letras Galegas 2019 dedicada a Antón Fraguas
O presidente da RAG destaca que o autor homenaxeado "representa a preocupación do estudo das raíces populares da cultura galega"
O Día das Letras Galegas, que este ano conmemorará a figura de Antón Fraguas, xa conta con cartel de programación, que ten por obxectivo que sexa "unha celebración de todos", que sirva para "promover o galego e o orgullo de Galicia", tal e como declarou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
Na mañá deste venres celebrouse o acto de presentación da programación de eventos que terán lugar durante "o ano Fraguas", nun acto no Museo do Pobo Galego de Santiago, no que o conselleiro oficiou de mestre de cerimonias, acompañado polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Branco; o presidente da Fundación Antonio Fraguas e do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi; o alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; e o director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea.
CONSELLEIRO DE CULTURA
Román Rodríguez puxo en valor o "altísimo valor intelectual" de Antón Fraguas, "un home que pensaba en Galicia", que "estudou e tratou de explicar o pasado e a tradición co fin de ofrecer sólidas bases para o futuro".
O conselleiro destacou a "altísima dimensión ética" de Fraguas, que foi "un exemplo de xenerosidade e conciliación". Neste sentido, Rodríguez lembrou que a pesar de que "sufriu a 'longa noite de pedra'", foi "dos primeiros en buscar consensos e limar asperezas". Así, comentou que Fraguas "pensaba que un sociedade avanza cando se constrúe en común, súmanse esforzos e intégrase o diferente".
REAL ACADEMIA
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, subliñou a importancia de "unir esforzos e da unidade de acción por encima do minifundismo mental".
O 17 de maio a Academia participará nos actos centrais no Concello de Cercedo-Cotobade, pero levará a cabo actos antes e despois deste día, como a celebración dun simposio sobre o legado do homenaxeado os días 26, 27 e 28 de novembro, coa colaboración do Consello da Cultura e o Museo do Pobo Galego.
Freixanes afirmou que "Antón Fraguas representa a preocupación do estudo das raíces populares da cultura galega" e explicou que "a cultura é a maneira de vivir dun país, de relacionarse, de amar", e que "a figura de Fraguas pon encima da mesa todo iso", motivo polo que a Academia o escolleu para conmemorar o 17 de maio.
ESTREITA RELACIÓN CON SANTIAGO
Os representantes do Consello da Cultura, do Museo do Pobo Galego e do Concello de Santiago destacaron a "estreita relación" de Antón Fraguas coa capital de Galicia.
Así, Xusto Beramendi afirmou que o Museo fará "todos os esforzos" para conmemorar a "unha figura crave" da institución --foi un dos fundadores e primeiro director do Museo--, e expresou o seu desexo de que "o ano Fraguas sexa o mellor posible", así como que tras a celebración "queden os seus valores, o seu compromiso e amor por Galicia, un exemplo de bo galego que quede para as novas xeracións".
Pola súa banda, Rosario Álvarez incidiu en que Fraguas "era un home xeneroso e agradecido", e explicou que o Consello desenvolverá cinco actividades principais, como a posta en marcha dunha páxina web con todo o material que teñen sobre o homenaxeado.
A concelleira Branca Novoneyra aseverou que Antón Fraguas "deixou unha gran herdanza" na cidade e lembrou que "o seu amor por Santiago xa lle valeu recoñecementos". A edil avanzou algunha das actuacións, como un programa directo co IES de Fontiñas, que leva o nome do autor, e coa ludoteca do barrio, antes de "convidar a todos a coñecer a achega de Fraguas".
"EMOCIÓN E ORGULLO" PARA COTOBADE
O alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, compartiu a súa "emoción" e asegurou que era "un absoluto orgullo" para o municipio natal do escritor que se escolleu a figura de Antón Fraguas.
Así, o rexedor afirmou que "é un dos grandes referentes" da cultura do municipio e "un dos galeguistas máis insignes do século XX". "Representar ao noso concello neste acto é unha das cousas máis fermosas que fixen baixo o meu mandato estes anos", confesou.
Cubela lembrou algunha das actuacións que xa se levaron a cabo na localidade para honrar a figura do intelectual, como o descubrimento dunha placa na súa casa natal.
Ademais, o alcalde deu conta dalgúns dos eventos que terán lugar en datas próximas, con especial participación dos veciños, como o entroido da localidade ou proxectos musicais.
PROGRAMACIÓN ESPECIAL EN TELEVISIÓN E RADIO
O director de contidos da CRTVG avanzou algúns dos programas especiais que emitirá tanto a televisión como a radio autonómica.
Así, co fin de "estar á altura do que demanda a sociedade", emitiranse, entre outros, un programa especial sobre o homenaxeado, outro sobre a pegada que deixou, ou un no que intervirán "galegofalantes de éxito".
Na Radio Galega levará a cabo o "mes das letras" e reforzarase a presenza na páxina web e nas redes sociais con 'podcasts' .
Escribe o teu comentario