Deputada próxima a Baltar deixa o PP e pode irse a Cidadáns
Tras a saída do número 2 na capital, hoxe dimitiu Montse Lama, deputada provincial e concelleira en Xinzo de Limia.
Outro cargo do PP de Ourense que se marcha e outro cargo que pode acabar liderando unha lista de Cidadáns. Tras a saída do número 2 na capital, hoxe dimitiu Montse Lama, deputada provincial e concelleira en Xinzo de Limia.
A dimisión de Lama é especialmente relevante. Ata agora, era unha das políticas máis próximas ao presidente provincial, Manuel Baltar. Ocupábase da área de Transparencia na Deputación.
"FALTA DE TRANSPARENCIA" DO PP
A suposta falta de transparencia do PP de Xinzo é un dos motivos da súa saída. "O PP e eu deixamos de compartir valores" declarou hoxe a xa ex-concelleira de e Comunicación e Relacións Institucionais no Concello de Xinzo de Limia .
Lama criticou a suposta falta de transparencia nas primarias de Xinzo. A política dixo que "en Xinzo queda evidencia que non houbo transparencia e democracia". O PP desta vila viviu moitas tensións estes meses, tras a dimisión do histórico alcalde, condenado en sentenza firme.
CAMIÑO A Cs?
"Marcho cansa, farta", engadiu a ex-concelleira, quen argumenta que leva meses meditando a súa decisión. Acabará en Cidadáns? Por agora o partido laranxa non confirmou a súa fichaxe, pero existen rumores nese sentido desde hai semanas.
Pola súa banda, Lama confirmou que non pensa deixar a política e deuse un tempo para analizar posibles ofertas. Todo indica, pois, que pode encabezar a lista de Cs en Xinzo. Hipótese máis plausible tras a saída de José Araújo, ex-tenente de alcalde de Ourense, do PP a Cidadáns.
BALTAR MIRA PARA OUTRO LADO, POR AGORA
Baltar ve así como abandónaa unha das súas colaboradoras máis directas. Por agora, o líder provincial non quixo facer sangue.
Agradeceulle o seu traballo e limitou a fuga a unha decisión persoal. Sobre as críticas lanzadas pola ex-deputada provincial, o tamén presidente do PP provincial despachounas dicindo que "iso son opinións dela, eu limítome a traballar e gobernar".
Escribe o teu comentario