Nin a Casa Real escapa ao informe de ‘A Liña do Galego’

O informe presentado por ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’ reflicte as carencias da administración pública ou a banca á hora de ofertar os seus servizos ou dar atención aos clientes en lingua galega.


|

O informe presentado por ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’ reflicte as carencias da administración pública ou a banca á hora de ofertar os seus servizos ou dar atención aos clientes en lingua galega.


A mesa a liu00f1a

Elsa Quintas, Marcos Maceira e Sara Seco


A Mesa pola Normalización Lingüística’ presentou o seu informe de ‘A Liña do Galego’ correspondente ao ano 2018. Este servizo da Mesa pretende ser a canle polo que a poboación poida realizar as súas queixas e demandas ao redor de todo o relacionado cos seus dereitos lingüísticos contra empresas, administracións e demais entidades que non respectan ou vulneran o dereito dos usuarios para ser atendidos na súa lingua materna. Do mesmo xeito, tamén traballa e recoñece aos organismos que corrixen ou melloran estas carencias para lograr que a lingua galega “teña os mesmos dereitos que o resto de linguas do mundo”.


Na presentación, Marcos Maceira, presidente da Mesa, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, e Sara Seco, técnica do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, expuxeron os resultados do informe, onde se reflicte que o principal problema das queixas segue sendo a discriminación e exclusión da lingua, aínda que, como comenta Maceira, “este só é un exemplo das moitas vulneracións que se cometen a diario”.


“Os usuarios e consumidores teñen dereito a ser atendidos na súa lingua, pero moitas compañías poñen trabas aos galego falantes”, lamenta Quintas, quen debulla que as administracións públicas seguen sendo o principal foco das queixas, cun 46%, onde os concellos e a Xunta son a principal fonte desas deficiencias, fronte ao 23% que corresponde as empresas e servizos ou o 20% de institucións privadas. Especial mención merecen as entidades bancarias, cun 8%, onde ABANCA, “o denominado banco de Galicia”, destaca sobre o resto aglutinando o 24% das queixas, o mesmo que o Santander. De igual maneira, consideran “positivo” o aumento das queixas, porque así poden chegar a corrixir máis erros.


Doutra banda, Seco explicou que este ano tamén houbo institucións que corrixiron as advertencias que chegaron a través de ‘A Liña’, como os casos da web e a Casa Real ou o Ministerio de Interior - Garda Civil, onde aparecían topónimos deturpados que posteriormente foron corrixidos, ou o caso da web do concello da Coruña, onde os programas de Cinema Forum estaban só en castelán nun primeiro momento. “Con todo, moitas incidencias non chegan ata nós porque os usuarios quéixanse nas redes sociais, e non podemos rastrexar todas as queixas”, di Seco.


SEN RESPOSTA DE LA XUNTA

Ademais do informe e ‘A Liña do galego’, hai unha semana A Mesa chamou a atención de la Xunta por un informe preliminar da ONU onde se advirte das “vulneracións” que sofren os galego falantes, especialmente en ámbitos como a xustiza, a administración pública ou o ensino. “Non recibimos ningún tipo de reposta por parte o goberno galego, pero xa advertimos ao secretario xeral de política lingüística de que no ano 2020 presentarase un informe no Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, onde se especificará estas carencias”, afirmou Maceiras, que deu un ano de prazo á Xunta e ao Estado para “emendar esas carencias nos ámbitos nos que cada un ten competencias”.


A mesa a liu00f1a do galego

A Mesa advirte diversas vulneracións sobre a lingua galega


Como exemplo destas carencias, A Mesa citou o programa informático para a administración de xustiza ou as vulneracións de dereitos lingüísticos no SERGAS. “Non pode ser que xuíces ou fiscais non teñan a obrigación de coñecer a lingua para poder exercer a súa profesión en Galicia, é unha cuestión moi básica”, lamenta Maceiras, quen tamén afirmou que A Mesa solicitou unha reunión con Feijóo para expoñerlle a súa preocupación pola inoperancia do goberno galego neste sentido.


Doutra banda, con respecto á polémica ao redor das declaracións de diversos partidos onde afirman que a lingua galega impúxose sobre o castelán, A Mesa contradi esas afirmacións e lamenta que ese discurso contra a lingua “nunca deixou de estar porque leva décadas en Galicia, algo que xa sinalamos en moitos informes”. “É irreal ese discurso, e só fai falta ir pola rúa para ver que isto non é así, porque un exemplo é que apenas temos posibilidades para ver a televisión en galego, que representan un 4% do total e apenas emiten programación infantil”, critica Maceira, quen sinala que ese discurso busca “que o galego teña cada vez menos presenza pública”.  

relacionada A Mesa chama a atención á Xunta polas “vulneracións” que sofre o galego segundo a ONU
relacionada Informe preliminar da ONU critica a discriminación do galego na Xustiza

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE