A prisión inspector de Facenda acusado de dirixir unha trama para limpar falsas multas
O xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela (A Coruña) decretou o ingreso en prisión do inspector de Facenda destinado en Vigo, e que foi detido esta semana na cidade olívica, pola súa suposta implicación nunha trama de branqueo de capitais.
Así o confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que explicaron que se ditou orde de ingreso en prisión, comunicada e sen fianza. Segundo varios medios, o detido é Asdrúbal Casares García, Xefe de Unidade Rexional de Inspección da Delegación da AEAT en Vigo.
O CONSULTOR LIBRE CUNHA FIANZA ALTÍSIMA
Ademais deste funcionario, este xoves pasou a disposición xudicial o outro detido nesta operación, un empresario de Vigo, para quen o xuíz decretou a súa posta en liberdade baixo fianza de 120.000 euros, que pode pagar ata este venres.
No caso deste empresario, establecéronse como medidas adicionais a obrigación de comparecer no xulgado cada 15 días, así como a retirada do pasaporte e a prohibición de abandonar o territorio nacional. A prensa publicou que o detido é Francisco González Piñeiro, consultor da empresa Aserco.
SECRETO DE SUMARIO
Fontes xudiciais informaron tamén de que, nesta causa, que se segue por branqueo de capitais e delitos contra a administración pública e que foi declarada secreta, hai un total de 5 investigados e practicáronse rexistros en Vigo e en Ourense.
A investigación iniciouse por mor da presentación dunha denuncia por parte da Axencia Tributaria (AEAT) ante a Fiscalía Anticorrupción de Madrid. A AEAT actuou en coordinación coa Unidade Central Operativa da Garda Civil.
Escribe o teu comentario