Folga en ambulancias tras romper a negociación

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou este luns unha "inminente" convocatoria de folga do sector das ambulancias, despois de que o pasado venres a patronal rompese, segundo o sindicato, a negociación do convenio colectivo por volver propoñer unha rebaixa do convenio nun 10%.

|

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou este luns unha "inminente" convocatoria de folga do sector das ambulancias, despois de que o pasado venres a patronal rompese, segundo o sindicato, a negociación do convenio colectivo por volver propoñer unha rebaixa do convenio nun 10%.


Manifestación de traballadores das ambulancias en Santiago


Así o aseguraron os representantes do sector de transportes da Fgamt-CIG e os delegados do sector das ambulancias da área Sanitaria de Santiago, que explicarán a proposta aos delegados da CIG na asemblea que está convocada para o vindeiro mércores, onde se decidirá como se realizará a folga.


Segundo explicou o responsable nacional do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a do venres era a terceira reunión da mesa de negociación que se producía despois de rexeitar con anterioridade a proposta da patronal dunha rebaixa do 10% do convenio.

Tal como asegurou a CIG, a proposta da patronal contempla unha redución salarial do 6% ou do 7%, así como a perda dos complementos por incapacidade temporal, a redución de días de asuntos propios, a creación de tres escalas salariais, "e mesmo recortar no lavado de roupa e de uniformes".


PIDEN INCREMENTOS SALARIAIS

Pola súa banda, os traballadores reivindicaron un incremento salarial pola vía do recoñecemento do dereito para percibir unha terceira paga extra, así como a redución do número de horas, "que se ampliaron estes últimos anos ao crecer nun 20% o número de servizos realizados sen incrementarse o persoal".


Ademais, pediron melloras no ámbito da saúde laboral, xa que, a pesar de que a media de baixas en Galicia é do 5%, neste sector, a pesar de que a media de idade está ao redor dos 40 anos, a media de baixas é do 13%, "na inmensa maioría por problemas músculo-esqueléticos".


Pastoriza culpou á Xunta de Galicia desta situación, "por sacar contratos por baixo do custo e por aceptar as propostas con baixa temeraria que presentaron as empresas para competir entre elas".


Así mesmo, o representante da Fgamt-CIG de Compostela Inácio Pavón convidou ao resto de centrais sindicais a sumarse á convocatoria de folga.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE