Vitoria do Celta en Vilarreal, con susto final incluído
Brais Méndez, Okay Yukuslu e Maxi Gómez puxeron un 0-3 favorable aos galegos en 50 minutos. O duelo terminou 2-3 con dous goles amarelos nos últimos minutos, que encerraron ao Celta na súa área.
Brais Méndez, Okay Yukuslu e Maxi Gómez puxeron un 0-3 favorable aos galegos en 50 minutos. O duelo terminou 2-3 con dous goles amarelos nos últimos minutos, que encerraron ao Celta na súa área.
Okay celebra o seu gol / Foto: RC Celta
Vitoria máis sufrida do esperado para un Celta de Vigo que, a falta de dez minutos para o final, gañaba 0-3 ante o Vilarreal, moi esvaecido ao longo de todo o choque. Dous goles do colombiano Bacca a punto estiveron de embazar o gran partido do equipo de Cardoso, ao que se lle viu unha evolución moi positiva, especialmente no referido ao apartado ofensivo.
O partido comezou co Celta envorcado sobre a portería contraria. Ao cuarto de hora Brais Méndez a punto estivo de dar inicio ás hostilidades cunha gran xogada pola dereita, pero o talentoso xogador celeste topouse primeiro co pé de Asenjo e, tras cazar o rebote, coa madeira. O Vilarreal tamén tivo as súas opcións de abrir o marcador, a máis clara nas botas de Gerard Moreno, pero o disparo do ariete catalán marchouse por encima do traveseiro.
Ao fío do descanso chegou o primeiro gol celtiña, obra de Brais Méndez, moi activo ao longo de todo o encontro. O Celta descargou o xogo pola banda esquerda para que Aspas cedese o esférico á frontal da área, onde Brais conectou un potente disparo que o gardameta do submarino amarelo non foi capaz de repeler.
Coa vantaxe foise o conxunto vigués aos vestiarios, de onde saíu convertido nun ciclón. Nada máis renovarse o xogo Okay Yukuslu ampliou a renda cun xenial croque, rematando unha falta botada por Brais Méndez. Só dous minutos despois, Maxi Gómez matou o partido cun disparo cruzado que entrou bicando o pau. Era o minuto 50 e o marcador era de 0-3 cun Celta moi superior ao Vilarreal, que puido facer unha escabechina en A Cerámica, pero a vantaxe foi relaxando aos visitantes, que co paso dos minutos foron baixando a marcha.
O equipo de Quella aproveitou a desconexión dos galegos, plasmada na cesión absurda que deu pé ao 1-3, para achegarse no marcador. Bacca, por dúas veces, puxo aos locais a só un gol do empate a falta de catro minutos para o 90. No desconto, Gerard Moreno enviou un disparo á madeira, privando aos amarelos de sumar un puntiño ante un Celta que, véndose contra as cordas, terminou pedindo a hora a pesar de que no minuto 83 gañaba 0-3.
Así, o Celta de Cardoso encadea dúas vitorias seguidas en liga, algo que non pasaba desde a terceira xornada ligueira. Que o ritmo non pare.
FICHA TÉCNICA:
Vilarreal: Asenjo; Mario, Álvaro, Víctor Ruiz, Pedraza (Funes Mori min.91); Cazorla, Trigueros (Ekambi min.46), Cáseres, Chukwueze (Bacca min.54), Fornals e Gerard Moreno. .
RC Celta: Rubén Branco, Hugo Mallo, David Costas, Araujo, Juncà, Jozabed (Cabral min.80), Okay, Brais Méndez (Fran Beltrán min.75), Boufal (Hjulsager min.65), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Goles: 0-1, min.43: Brais Méndez; 0-2, min.48: Okay; 0-3, min.50 Maxi Gómez; 1-3, min.82: Bacca; 2-3, min.86: Bacca.
Árbitro: Gil Manzano, do comité estremeño. Amoestou a Cáseres, Álvaro e Mario Gaspar (Vilarreal) e Okay, Maxi, Hugo Mallo (RC Celta).
Campo: A Cerámica.
Escribe o teu comentario