​O que ocultan as omisións de Pablo Crespo ao confesar pagos en B a xornalistas e políticos

Pablo Crespo tirou onte da manta no Congreso dos Deputados. Agora ben, tan interesante é a quen sinalou, como sobre quen calou. Vídeo completo da comparecencia no Congreso dos Deputados no interior.


|

Pablo Crespo tirou onte da manta no Congreso dos Deputados. Agora ben, tan significativo é ver a quen sinalou, como sobre quen calou. 



PABLO CRESPO COMPARECENCIA


Así, cando Carolina Bescansa (Unidos Podemos) foi enumerando os directivos do PPdeG que recibiron sobresoldos, o convicto só se pronunciou claramente sobre dous nomes, Xosé Cuíña e Manuel Fraga, os dous xa falecidos. 


Quen decidía canto cobraba cada quen?

Basicamente, o señor Fraga ou o señor Cuíña.


Sobre eles dixo que sabían do sistema de pagos en B pero que non cobraban en negro. Pola contra, cando a deputada preguntoulle por outros nomes acolleuse ao seu dereito a non declarar:


Cobraba o señor Fraga sobresueldos?

Non.

E o señor Cuíña?

Non.

O señor López Veiga?

Non o sei, xa lle dixen que non vou citar nomes daquela época.

Se quere non conteste pero non diga que non se é mentira porque non pode [os comparecentes nestas comisións teñen a obrigación de dicir a verdade aínda que non teñen a obrigación de responder as preguntas]

Preguntoume por tres persoas ás que lle contestei estritamente que non, do resto non lle vou a contestar.


A continuación o número dous da trama Gürtell cala cando se lle pregunta por Xesús Palmou, Romay Becaría, Mariano Rajoy, Pío Cabanillas e José Manuel Barreiro.


Outra das revelacións importantes da comparecencia é que Crespo apuntou a pagos en negro a xornalistas. Aínda que o asegurou que xa falara sobre isto, o certo é que é a primeira vez que transcende á esfera pública.


Preguntado por Gabriel Rufián (ERC) admitiu que “si se lle pagaba a xornalistas, o motivo polo cal se lle pagaba, descoñézoo”. Xustificou tirar a pedra e esconder a man dicindo que “entenderá que non mencione o nome deses xornalistas porque é un caso de fai máis de vinte anos (...) se no seu día esixíulleme discrección para realizar tarefas" non o vai facer "porque agora variasen as miñas circunstancias”.


CONFESIÓN DE CONTABILIDADE B

O ex-secretario de organización do PPdeG se deixou clarísimo que no seu partido había un sistema de financiamento irregular, que se pagaban actos electorais e sobresoldos a algúns directivos con diñeiro doado irregularmente por empresarios, empresarios que non quixo identificar.


Así respondeu cando se lle preguntou polas similitudes entre os papeis de Bárcenas:


“Describen unha forma de operar [os papeis de Bárcenas] similar á que vostede coñeceu no PP de Galicia?

Non, eu levábao máis ordenado".


A continuación confesou que “había doazóns irregulares, eu creo que entón non eran ilegais, e había unha contabilidade que non estaba na contabilidade do partido”.


Iso si, reduciu o seu papel neste armazón ao de simple mandado das ordes dos seus superiores. Definiuse como “mero executor das instrucións que levaba a cabo con dación trimestral de contas”.


PALMOU

A Crespo non se lle notou animadversión cara a ningún dos seus ex-compañeiros ‘populares’ salvo a un, Xesús Palmou. Ao ex-secretario xeral do PPdeG responsabilizou de que o partido non pagase aínda unha débeda con empresas do grupo Correa. 


“O responsable da falta de pagamento, que era unha cantidade que efectivamente se debía, por ter eu relación co señor Correa como provedor do partido e que tres anos despois incorpórome ás súas empresas, deixaron de pagar, e era en concreto o secretario xeral do PP de Galicia, o señor Palmou”, dixo. Crespo deixou claro en varias ocasións que considera que o partido aínda lles debe ese diñeiro, que chegaron a reclamar por carta a Mariano Rajoy.


FEIJÓO E PORTOS DE GALICIA

En varias ocasións os interrogadores tentaron vincular a Crespo con Alberto Nuñez Feijóo. O interrogado negou se queira coñecelo.


Cando Feijóo retornou de Madrid no medio da crise do Prestige como sucesor de Cuíña -o mentor político de Crespo- na Consellería de Política Territorial, Crespo seguiu durante varios anos como conselleiro do ente público Portos de Galicia a pesar de que o novo conselleiro, Nuñez Feijóo, podía cesalo.


Crespo argumenta que el  mesmo pediu o seu cesamento en Portos en canto Rajoy defenestrou a Cuíña e impulsou a Feijóo. O recluso asegura que Portos de Galicia non tramitou a súa baixa durante anos por algún "erro" administrativo que dixo descoñecer e insiste en que nunca máis acudiu ás reunións do Consello de Administración. Portos de Galicia foi unha das administracións galegas que deu contratos a empresas investigadas na trama Gürtel. Cuestionado por Bescansa se había corrupción en Portos negouno pero dixo que “se había unha rede de favores era unha rede de favores moi pequeniños, eu non o sei”.


En definitiva, Crespo, a pesar de dicir que "que cada pau aguante a súa vela", evitou onte prexudicar a ninguén que teña un papel relevante na política ou nos medios de comunicación galegos na actualidade. As súas únicas alusións directas foron a persoas xa falecidas -Fraga ou Cuíña- ou a Palmou.


A alusión a Palmou é significativa. Crespo asegurou que “o tempo” pon a cada un no seu sitio e fixo mención a que varias persoas que tiveron coñecementos de como operaba o PPdeG por entón quedáronse á marxe da vida política. Palmou, no seu día un dos grandes baróns populares e cunha gran traxectoria (ex-conselleiro, ex-membro do Consello de Contas) non goza agora mesmo de ningún cargo político.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE